Imprimir

"Jesús Vázquez é o peor alcalde que tivo a cidade na súa historia recente"

Redacción | 15 de Maio de 2019

Etelvino Blanco
Etelvino Blanco

Etelvino Blanco preséntase á alcaldía da cidade das Burgas por Ourense Mellor. Ademais de ser coñecido polo seu labor sindical, implicouse en diversas plataformas cidadás como a Pro Campus Digno Ourense, que conseguiu que se implantase o campus universitario na cidade. Responde este cuestionario vía correo electrónico.

Que supuxeron estes catro anos para o seu concello?

Unha etapa de parálise e de abandono. Con nula capacidade de xestión por parte do Partido Popular con Jesús Vázquez á cabeza. Hoxe temos unha cidade triste e abandonada onde nin as cuestións máis relevantes como os orzamentos ou a aprobación do PXOU se sacaron adiante. Pero tampouco se impulsaron cuestións tan pouco complexas como o dos contedores soterrados que seguen clausurados despois de varios anos. Iso demostra a nula capacidade de xestión da actual equipa de goberno. 

 

Como valora o traballo desenvolvido pola alcaldía?

Coido que, con diferenza, Jesús Vázquez é o peor alcalde que tivo a cidade na súa historia recente. Pero non só o alcalde estivo a altura. Tampouco o estiveron o resto do equipo de goberno e os outros tres grupos da oposición. Resulta incomprensíbel que en catro anos non se puxesen de acordo para aprobar ningunha cuestión de importancia para a cidadanía. Só se puxeron de acordo para facer a foto conxunta do último pleno. E mellor foi que non a sacasen porque a cidadanía vai recordar este mandato como o do peor alcalde, o do peor grupo de goberno e a da peor corporación que nunca tivo esta cidade.

 

Ourense Mellor nace para recoller o descontento e desafección da cidadanía cara aos partidos que neste mandato nos representaron no consistorio

 

E o traballo realizado polo seu partido?

Ourense Mellor nace precisamente para recoller ese descontento e esa desafección da cidadanía cara aos partidos que neste último mandato nos representaron no consistorio, porque nin uns nin outros foron quen de construír unha alternativa ilusionante para as maiorías sociais. E nós, como plataforma cívica nacemos para esa cidadanía que non se conforma e que quere outro Ourense. Unha cidade dinámica, con actividade comercial, empresarial, con oportunidades de vida para a cidadanía, para frear a emigración da mocidade e, en definitiva, unha cidade onde as iguais poidan vivir e desfrutar.

 

A principal necesidade é pór en marcha a xestión municipal, que durante os últimos anos estivo paralizada

 

Cal é a principal necesidade do seu concello?

A principal necesidade é pór en marcha a xestión municipal, que durante os últimos anos estivo paralizada. E froito desa posta en marcha, que terá que ser a base de moito diálogo e acordo entre diferentes, lograrmos aprobar os orzamentos municipais. Porque sen orzamentos resulta inviábel facer calquera tipo de investimento novo. Dese xeito poderemos tamén liberar o remanente de tesourería que hai agora mesmo no concello, e máis de 70 millóns de euros. E, en segundo lugar, aprobar o PXOU, que será o que no futuro inmediato nos permitirá poñer en marcha esas infraestruturas termais que deberían ser parte do motor económico desta cidade.

 

En relación a iso, cal será a primeira medida que impulsará no novo mandato se está no goberno?

O primeiro que faremos sería convocar a todas as organizacións políticas presentes no concello e non levantarnos da mesa até que sexamos capaces de nos poñer de acordo para aprobar uns orzamentos municipais para o 2019 e, posteriormente, unha aprobación provisional en pleno dun novo PXOU, facendo as cousas ben e non pola porta de atrás, con nocturnidade e aleivosía e mesmo vulnerando a legalidade como fixo o actual grupo de goberno. Nós comprometémonos a ter aprobados os orzamentos deste ano antes do 30 de setembro e a aprobar inicialmente o PXOU antes de que remate o ano.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/jesus-vazquez-peor-alcalde-tivo-cidade-sua-historia-recente/20190514121250079565.html


© 2019 Sermos Galiza