Imprimir

As kurdas do nordeste de Siria prepáranse para o ataque de Turquía

Redacción | 09 de outubro de 2019

Recep Tayyip Erdoğan
Recep Tayyip Erdoğan

A retirada das tropas estadounidenses deu carta branca ao Goberno de Erdoğan para unha invasión arelada dende hai tempo.

Máis de 11 mil homes e mulleres das Forzas Democráticas Sirias (FDS), compostas principalmente por combatentes de orixe kurda, perderon a vida na loita contra o Estado Islámico até que en marzo deste ano se deu por derrotado a este grupo paramilitar insurxente na zona.

É por iso que a inesperada decisión do Goberno dos EUA de retirar as súas tropas da fronteira entre Siria e Turquía sentou como unha traizón dentro do movemento nacional kurdo. Decisión, dende o punto de vista xeopolítico global, controvertida e criticada tanto dentro como fóra das fronteiras estadounidenses.

A primeira e máis obvia consecuencia non tardou en chegar. Turquía anunciou que está lista para lanzar un ataque sobre o nordeste sirio. A rexión está controlada polas Unidades de Protección Popular (YPG, pola súa siglas en curdo), milicias aliadas do Partido dos Traballadores Kurdo (PKK), considerado un grupo terrorista tanto por EUA como por Turquía (e tamén pola UE). Paradoxalmente, o YPG foi un dos principais aliados do Goberno estadounidense na rexión.

O obxectivo do Goberno de Recep Tayyip Erdoğan, o presidente turco, é estabelecer unha zona de seguridade de 480 km de lonxitude e 30 km de profundidade ao longo da fronteira con Siria. Nesta área pretende, ademais, relocalizar dous millóns dos máis de 3,6 refuxiados sirios que viven actualmente en Turquía.

A FDS xa avanzou que defenderá o seu territorio e acusou os EUA de "converter a área nunha zona de guerra" coa súa retirada. Ademais, consideran que podería trae un rexurdimento do Estado Islámico.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/internacional/kurdos-do-nordeste-siria-preparanse-ataque-turquia/20191008201247084960.html


© 2019 Sermos Galiza