Imprimir

"É indicativo que se bote de menos a Lei de Normalización Lingüística que aprobou Fraga"

Laura Veiga | 30 de novembro de 2018

José Fuertes, CCOO
José Fuertes, CCOO

O 4 de decembro perto de 31.000 docentes poderán votar nas eleccións sindicais no ensino en Galiza para elixir 142 delegados e delegadas. Publicamos unha serie de pequenas entrevistas con representantes de diversas centrais que se presentan a estes comicios. Nesta é con José Fuertes, de CCOO.

- Cal é o voso programa?

- O programa non é o importante das eleccións sindicais, porque non somos un partido político por tanto o programa son exclusivamente as nosas reivindicacións, que son reivindicacións que temos que reclamar ante á administración e a patronal. Eu coido que non hai diferenzas nas reivindicacións entre un sindicato e outro, porque máis ou menos queremos as mesmas cousas: melloras retributivas, sobre todo nun colectivo que estivo sometido a unha situación de estrangulamento salarial moi importante. Neste momento temos unha perda de poder adquisitivo dende o ano 2010 ata hoxe dun 15% e polo tanto calquera tipo de recuperación sempre será insuficiente, aínda que nós entendemos que hai que empezar a recuperar. Por iso digo que o que nos diferencia realmente é o que facemos para conseguir o que estamos plantexando. Nese sentido CCOO pretende continuar sendo unha organización sindical con mobilización, con instrumento para a apertura dunhas negociacións e acabar chegando a acordos onde se concrete aquelas melloras das condicións laborais do profesorado.

 

- Xa que falas das retribucións, cales son as vosas medidas?

- Cremos que hai que seguir recuperando. Os acordos que asinamos non son aínda suficientes para poder recuperar o que perdemos e polo tanto hai que seguir avanzando. Son un inicio, un inicio importante e positivo, pero hai que seguir avanzando en cuestións coma o pagamento completo das extras ou a cláusula de revisión salarial. Ademais, está o tema das baixas, é dicir, que non penalicen por estar de baixa. Cuestión que xa conseguimos, a partir do ano que vén, no acordo que asinamos co Estado que permite dalgunha maneira negociar na Galiza melloras retributivas e así o trasladamos á Consellería de Educación e á Xunta de Galicia.

Tamén neste sentido, no tema de licencias, permisos e excedencias temos dúas demandas fundamentais. A primeira, vinculada á conciliación da vida familiar e laboral, tanto para nais coma para pais. Nós entendemos que temos que avanzar no mesmo sentido no que xa avanzaron outros países europeos. Ademais, os permisos paternais non poderán ser nunca asumidos pola nai, senón que o pai tamén debe desempeñar a función que lle corresponde como tal. A segunda sería a recuperación dos permisos ou das licencias para a formación, ben sexa licenciatura, grao ou algo que supoña unha titulación distinta.

 

- E non tedes ningunha diferenza nas medidas que plantexados con outros sindicatos?

- Con respecto ao ingreso na función pública, nós queremos que se elimine a taxa de reposición con amplas ofertas de emprego público. O que outros definen coma un ERE encuberto, para nós é a única forma que temos de reducir a temporalidade e a única forma que ten o profesorado interino substituto de conseguir a estabilidade. Hai propostas por aí adiante absolutamente falaces , que plantexan que se pode acceder á función pública por concurso de méritos. A nós nos parece indignante que unha organización sindical poda enganar así ao colectivo máis precario que temos na educación. Están vendendo cousas que son ilegais e inalcanzables. Nós abogamos por un cambio do sistema de acceso, no que se valore o suficiente o tempo traballado para a propia administración, e dende logo queremos manter o acordo de acceso á lista de interinidades e substitucións de Galiza, que asina CCOO e algunha outra entidade sindical. Non obstante, advertimos que si o colectivo pretende outra cousa, nós non temos ningún problema en retirar a sinatura do acordo. Fai un ano e medio fixemos unha enquisa e dixéronnos que non a retiráramos, pero ante unha nova situación se volve a ser atacado o acordo, volveremos a facer unha enquisa e se non hai o suficiente apoio retiraríamos a sinatura sen ningún problema. Ademais, demandamos para o persoal subsituto que estea traballando cinco meses e medio ou máis o pagamento das vacacións completas de verán, tal e como se está facendo en outras comunidades do Estado.

 

-Tendes algunha medida sobre a atención á diversidade?

- Temos un catálogo de propostas moi extenso, pero así a grandes rasgos, o que se está plantexando é o incremento de medios e de recursos humanos para esta atención. Este incremento debería darse tanto no que son as especialidades de pedagoxía terapéutica e atención a linguaxe como no que é a incorporación de novos profesionais no eido do ensino. Hai mediadores sociais que algunha outra comunidade autónoma xa incorporou aos seus centros de secundaria, técnicos de servizo á comunidade, técnicos específicos educativos… Aquí tamén entraría a redución dos rateos. Nós entendemos que é moi importante avanzar nunha redución dos mesmos e temos dúas propostas. Unha delas, de carácter máis inmediato e outra a longo prazo. Con respecto ao curto prazo, sería contar doble aos repetidores e inclusive a aqueles alumnos con necesidades educativas específicas de apoio. A outra medida, a longo prazo, sería a redución global dos rateos en todas as etapas: en infantil, 15 alumnos; en primaria e secundaria obrigatoria, 20 alumnos e en bacharelato, como máximo, 25 alumnos.

 

- E sobre a situación do galego?

- Dende logo, outro tema que nos preocupa bastante é a situación do galego no ensino. Entendemos que o galego, lonxe de normalizarse, cada día está máis desnormalizado e cada día se fala menos no ensino. Cremos que hai que derrogar o  decreto de plurilingüísmo de forma inmediata e volver a unha situación de consenso. Xa é lamentavle, indicativo, que botemos de menos a Lei de Normalización Lingüística que aprobou o goberno de Fraga.

 

- Falamos só de primaria e secundaria, pero que ocorre no resto das titulacións?

- En canto á formación profesional, temos que dicir que hai que negociar un plan de implantación de FP para a dual que se adapte á realidade galega. Non nos poden dar traslado de plans e medidas que fan noutros países cunha industria e cun tecido produtivo completamente distinto do galego, porque non da resultado. Non estamos en contra da FP dual, pero si da FP dual tal e como está deseñada neste momento. Non poden ser as empresas quenes elixan ao alumnado para facer a FP dual, ten que ser a propia admnistración educativa. Nos centros integrados de FP faltan moítisimas reformas: dende as condicións laborais específicas, porque hai unha desregulación importante que afecta a este colectivo do profesorado, con horarios máis altos inclusive que nos institutos. Logo estaría o tema das ensinanzas especiais, onde hai unha falta de planificación importante por parte da Consellería. Introdúcense novas ensinanzas e novos modelos sen planificalos previamente e, inclusive, sen ter regulada neste momento a propia avaliación da modificación da norma que fixeron. É dicir, están dando clase sen saber todavía como vai ser a avaliación.

 

No caso de ensinanzas artísticas superiores, nós abogamos dende o seu inicio por unha inclusión das ensinanzas superiores no eido universitario. Non se pode estruturar, organizar e traballar nun centro de ensinaza superiores co mesmo regulamento que teñen as ensinanzas de secundaria. Son completamente distintas e para lograr que o alumnado teña un grao nas mesmas condicións non hai outra solución que adscribilas á universidade. Ou integralas ou adscribilas, nos valen as dúas e nesa loita estamos. Evidentemente, non en Galiza, porque o goberno galego non ten intención e xa o manifestou senón para que o Goberno do Estado faga unha regulación.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/lamentable-botemos-menos-lei-normalizacion-linguistica-aprobou-goberno-fraga/20181130122212074230.html


© 2019 Sermos Galiza