Imprimir

“Estamos a traballar nun Lugo que será vangarda”

Redacción | 12 de Maio de 2019

Lara Méndez
Lara Méndez

A alcaldesa de Lugo encabeza a candidatura do PSdeG ao 26M. Síntese satisfeita do “intenso e apaixonante traballo feito” que, ao seu ver, resultou na "segunda transformación de Lugo". Lara Méndez naceu en Suíza en 1972 e é enxeñeira técnica agrícola de profesión. Comezou a súa implicación política nas Xuventudes Socialistas de Cervo e antes de relevar a Orozco na alcaldía, foi vicepresidenta da Deputación Provincial de Lugo. Responde a este cuestionario vía correo electrónico.

Que valoración fai do seu mandato?

Foi un mandato intenso e apaixonante polo que significou de deseño, planificación e posta en marcha da que é xa a segunda transformación de Lugo. Se a primeira veu da man do alcalde Orozco, agora Lugo está inmerso nun novo proceso de cambio moi ambicioso, vinculado aos proxectos europeos que acadamos neste mandato, cun investimento de case 23 millóns e con data de execución até o 2023.

 

Cos fondos europeos estamos a traballar nun Lugo que será vangarda

 

Con estes fondos europeos estamos a traballar nun Lugo que será vangarda, porque estamos a definir, da man dos investigadores da Universidade, como serán as cidades e as vivendas do futuro, con solucións sostíbeis que non só aplicaremos na cidade co primeiro barrio multiecolóxico que construiremos na zona da Garaballa, senón que serán exportábeis a cidades medianas do resto de Europa.

 

O urbanismo do futuro usará a madeira como elemento de construción, polo que tamén nos axudará a desenvolver todo o potencial económico do rural de Lugo, onde a produción madeireira é parte esencial da súa actividade. A marca Municipio de Lugo debe ser verde, aspirando a ser o Green Vancouver de España.

 

Lugo estase transformando para ser un municipio máis accesíbel, con mellor mobilidade e con menos barreiras arquitectónicas

 

Ao mesmo tempo, Lugo estase transformando para ser un municipio máis accesíbel, con mellor mobilidade e con menos barreiras arquitectónicas. Un municipio onde se integre a trama urbana co Miño, con novas conexións urbanísticas e novos espazos para o lecer da cidadanía, accións que permitirán recuperar zonas degradadas como a do Carme e un maior equilibro social entre os barrios.

 

E a terceira gran transformación será a da administración xa que se está reconvertendo cara a unha administración electrónica, co fin de que sexa máis próxima á veciñanza, quen poderá realizar as xestións de xeito telemático, pero tamén levará consigo unha nova reorganización dos xeitos de traballar da administración.

 

De todas as medidas que impulsou, cal salientaría e por que?

Ao mesmo nivel que os fondos europeos, que nos axudan nesta transformación, destacaría todas as medidas que puxemos en marcha para o emprendemento, con un enorme éxito polo número de proxectos empresariais postos en marcha, moitos xa exitosos, e cunha maioría de mulleres. Pero tamén o pulo que demos ás políticas sociais, que se levan case o 30% dos nosos orzamentos e as nosas accións en favor da igualdade, a diversidade e a multiculturalidade.

 

Sempre dicimos que a nosa razón de ser é crear espazos comúns para as persoas

 

Estas dúas apostas de Goberno son moi importantes porque as puxemos en marcha nun momento de grave crise económica, o que nos permitiu estar ao lado de moitos veciños e veciñas en momentos moi difíciles. Sempre dicimos que a nosa razón de ser é crear espazos comúns para as persoas, e ese espazo común debe buscar tamén o equilibrio social.

 

Que dificultades enfrontou estes catro anos o seu concello?

A escaseza de persoal e a falta de apoio da Xunta, que incumpriu de xeito sistemático os seus compromisos con Lugo: Intermodal, Paradai, os retrasos na Residencia ou os seus ataques sistemáticos reflicten que o PP nunca creu nin apostou por Lugo. En canto a perda de recursos humanos, provocados polas restricións de persoal que nos impuxo o goberno do PP con Raxoi, dificultou a xestión municipal, con departamentos mermados e cunha gran carga de traballo, que nos impediu avanzar máis rápido. E que reduciu servizos tan importantes como o da Policía Local, que só neste ano perdeu a unha trintena de axentes polo decreto da xubilación anticipada. Por iso, puxemos en marcha varias ofertas de emprego público para aumentar o cadro en máis de 130 traballadoras e traballadores, o que nos permitirá respirar un pouco en canto se incorporen.

 

Como valora o papel da oposición?

Pouco ou nada construtiva. As urnas decidiron hai catro anos que querían corporacións plurais, pero tamén esperan de nós acordos, e, a pesar da nosa man tendida, a oposición puxo os intereses partidistas por riba dos da cidadanía.

 

Para que Lugo puidese ter orzamentos mesmo puxen o meu cargo a disposición da corporación nunha moción de confianza.

 

O mellor exemplo é que fixeron propostas no pleno pero logo non levantaron a man para aprobar os necesarios orzamentos para poder levalas adiante. Para que Lugo puidese ter orzamentos mesmo puxen o meu cargo a disposición da corporación nunha moción de confianza. Iso o que provocou foi unha maior lentitude na posta en marcha de todos os proxectos.

 

Cal é a principal necesidade de Lugo?

É moi importante que os concellos sexan gobernados con valores, con respecto ás persoas, a súa diversidade e á súa pluralidade.

 

As dereitas son máis extremas e xa advertiron os seus candidatos que están dispostas a pactar sen liñas vermellas coa ultradereita

 

En Lugo viven 10.000 persoas procedentes doutros países que buscan aquí desenvolver o seu proxecto de vida. É necesario un goberno que aplique medidas encamiñadas a acadar a integración, a igualdade das mulleres e a xustiza social. E agora estes valores corren serio risco de perderse en Lugo porque as dereitas son máis extremas e xa advertiron os seus candidatos que están dispostas a pactar sen liñas vermellas coa ultradereita. O concello necesita seguir medrando en benestar, en riqueza e tamén en dereitos. Non podemos permitir dar pasos atrás ao que tanto nos custou acadar.

 

En relación a iso, cal será a primeira medida que impulsará no novo mandato?

Manter o noso máis firme compromiso de respecto e coidado de toda a cidadanía, por iso seguiremos a ter en conta unha xestión de goberno onde ninguén quede atrás. Por iso, imos crear un mapa de recursos que recolla todos os servizos e prestacións que ofrece o concello para facilitar o acceso á cidadanía e ao mesmo tempo impulsaremos unha administración máis próxima coa veciñanza. Tamén poremos en marcha novas medidas sociais como a gratuidade dos autobuses públicos para as persoas maiores de 65 anos, menores e persoas en risco de exclusión social.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/lara-mendez-candidata-alcaldia-lugo-polo-psdeg/20190511191303079474.html


© 2019 Sermos Galiza