Imprimir

Laura Silva, médica no PAC do Porriño: "A atención primaria é a base do sistema e está a colapsar"

Laura Veiga | 21 de Novembro de 2018

pac porriño
pac porriño

Unha médica do Porriño reafirma a denuncia feita dende o PAC en declaracións a Sermos Galiza. En troques, o Sergas alega que respecta os descansos e as xornadas laborais dos traballadores.

O pasado 19 de novembro, fíxose pública a nota de prensa enviada por sete médicos do PAC de Porriño que denunciaba a carencia de persoal e acusaba ao Sergas de ser incapaz de atopar substitutos.

 

Ante esta situación, o Sergas aseverou que “se cubren as ausencias dos médicos a pesar das dificultades e respectando os descansos reglamentarios dos profesionais e o número de horas de traballo”.

 

Laura Silva, médica no PAC de Porriño e asinante desa nota de prensa, afirma a Sermos Galiza que é unha situación estrutural. “Esta semana fixemos pública a situación porque pareceunos moi paradigmática, realmente é unha situación que se repite todas as semanas ao longo de todo o ano. É un problema que se está cronificando e que empeorará nos próximos anos debido ás xubilacións previstas. A atención primaria é a base do sistema e está a colapsar”.

 

A médica explica que “o Sergas ten un xeito de computar as horas en prazos moi longos, cada 6 meses, polo que podemos traballar 48 horas seguidas en tres días e logo ter tres días de descanso e estaríamos a cumprir a normativa. Ou traballar toda a fin de semana e voltar a facer 24 horas o martes, porque o cómputo comeza o luns, coma se fósemos robots que nos reseteáramos o domingo as 00:00h”.

 

 “É unha cuestión política"

 

Con respecto ás declaracións do Sergas, nas que se afirmaba que esta situación se debe a unha “carencia absoluta de médicos dispoñibles nas listas de contratación”, Silva comenta que “é unha cuestión política de abandono da atención primaria porque é certo que non hai xente nas listas, pero é unha responsabilidade da propia administración. Os colexios médicos cada certo tempo publican un listado coas porcentaxes dos médicos que solicitan un informe para buscar traballo no estranxeiro e son miles. Hai unha fuga de médicos moi preocupante, e concretamente na atención primaria debido ás malas condicións laborais que nos ofrecen”.

 

Por último, alega que levan moito tempo intentando negociar co propio Sergas pero que “a administración limítase a pedirnos que dupliquemos ou tripliquemos a nosa presenza nos centros sen dar unha solución a medio ou a longo prazo”.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/laura-silva-medica-pac-do-porrino-atencion-primaria-base-do-sistema-colapsar/20181121124353073892.html


© 2019 Sermos Galiza