Imprimir

Lídia Jorge, o compromiso ético da escritora galega universal

Antón Escuredo | 27 de marzo de 2013

Lidia Jorge
Lidia Jorge

A escritora portuguesa recibirá de mans da AELG o Premio á Escritora Galega Universal como “referente na defensa da dignidade humana”.

 

A  Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) entregará o 4 de maio, no transcurso da gala da XIV Edición dos premios que levan o seu nome, o galardón de Escritora Galega Universal á portuguesa Lídia Jorge. A Asemblea da asociación recoñece nesta creadora da palabra á “autora que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana”.

“Na tradición dos premios a escritores e escritoras universais da AELG hai dúas variábeis que temos en conta”, explica Césareo Sáchez Iglesias, presidente desta entidade, “por un lado que sexa un grande escritor, recoñecido no seu país, cunha traxectoria que se sustente en obras sólidas; por outro lado, que sexa un referente ético diante o deterioro moral que vivimos, con ausencia de valores éticos en determinadas capas desta sociedade”. E Lídia Jorge cumpre con esas dúas facetas. “É unha muller do 25 de abril, un referente non só para os portugueses, senón para todos”, argumenta o presidente da AELG.

“É unha muller do 25 de abril, un referente non só para os portugueses, senón para todos”

Comprometida e cun cariño especial cara Galiza

Carlos Quiroga, responsábel da Lusofonía na AELG, afirma que a escritora homenaxeada “é un nome incontestábel en todos os sentidos, apreciada por crítica e público, un consenso difícil”. Romances, contos, literatura infantil, ensaio, a escritora de Boliqueime conseguiu ser “un caso raro” e chegar ao grande público. Multipremiada, cosmopolita, traducida para moitos idiomas e progresista en todos os aspectos. “Non é unha escritora fácil, de consumo rápido, mais tampouco complica”. Un dos segredos do seu éxito actual foi a adaptación do seu romance A Costa dos Murmúrios ao cinema en 2004 por Margarida Cardoso.
 
“Sempre tivo un compromiso”, sinala Quiroga, “todos aqueles valores nobres que se lle supoñen a unha intelectual”. Ademais de escritora, muller. “Nunca deixou de mergullar na psicoloxía feminina aplicada a territorios moi diversos”. Compromiso tamén para coa súa paixón literaria. “Puido facer carreira universitaria e foi profesora de instituto para ter tempo para escribir”.

Lídia Jorge visitou Galiza en varias ocasións convidada por institucións como a Universidade, o Consello da Cultura Galega ou a mesma AELG. Concederlle este galardón, recoñece Carlos  Quiroga, tamén se fundamenta no “cariño especial” que ten por nós e que atopamos mesmo nalgún ensaio dela.

Na edición deste ano o galardón cumpre co recoñecemento á Lusofonía, algo que o seu responsábel na AELG pensa “debería ser sempre así”. Pon como exemplo os “moitos autores que nos teñen visitado, recoñecendo a raíz común e do pasado que merecen a literalidade de seren escritores galegos universais porque recoñecen na raíz galega a súa propia raíz”.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/lidia-jorge-a-escritora-do-compromiso-etico/20130327003033013038.html


© 2019 Sermos Galiza