Imprimir

Limpando ríos: o exemplo cidadán ante o desleixo da administración e das empresas

E. D. | 10 de setembro de 2019

[Imaxes: ADEGA] Xornada de limpeza no 2018.
[Imaxes: ADEGA] Xornada de limpeza no 2018.
Adega presenta esta terza feira en Compostela a duodécima edición da xornada de Limpeza Simultánea dos Ríos, unha actividade de concienciación social realizada por persoas voluntarias que, de paso, serve cada ano para apañar uns cantos quilos de residuos e retiralos. Tamén ofrecerá as conclusións do último informe sobre a saúde dos ríos galegos.

Na web proxectorios.org anotáronse xa 44 asociacións. Adega, a Asociación Para a Defensa Ecolóxica da Galiza, espera chegar ás 70 do ano pasado antes da data da convocatoria: o domingo 29 de setembro. A organización fixa o día e recomenda desenvolver a actividade de mañá. O demais é cousa dos grupos que se van formando: determinar o horario, o treito de río, o material acaído para o labor de limpeza. Os concellos adoitan colaborar, polo menos con luvas e sacas para o lixo. Tamén coa recollida en colectores ou co traslado aos depósitos.

“Para que serve? Evidentemente, o obxectivo principal non é limpar… Nun día pouco se fai. O que se limpe está ben; pero trátase de que a xente participe nunha acción de conservación e de que se poña na axenda a necesidade de manter limpos os nosos ríos”, di Paco Bañobre, coordinador do proxecto

Na xornada do ano pasado, que se desenvolveu en 53 concellos do país e na que se retiraron 10 toneladas de residuos, apareceron rodas e baterías de automóbiles, colchóns, televisores, uralitas, roupas, entullos… As activistas rexistran con fotografías e datos a memoria da actividade e veñen constatando como cada ano baixa o número dos residuos de gran tamaño (rodas, electrodomésticos) mentres van en aumento as toalliñas humedecidas.  

Os datos máis sorprendentes proceden da medición da temperatura das augas. “Temos rexistrados augas superficiais a 20 ou 21 graos centígrados”, explica, “e isto ten que ver coa retirada da sombra dos árbores de ribeira, co déficit hídrico, e supoñemos que en xeral co cambio climático”.

Conciencia

“Gustaríanos que aumentase a conciencia cidadá contra os ríos sucios e mesmo que se creara unha rede de alerta para detectar puntos de vertido”, comenta Bañobre. “É competencia dos concellos limpar, pero o principal é que a xente non tire lixo aos ríos”. 

O Liñares, na Estrada, e o Ulla, en Vila de Cruces, foron os ríos nos que máis residuos se retiraron o ano pasado: 1 tonelada en cada un. Establecéronse tres treitos de limpeza no Arnoia, no que máis, en Xunqueira de Ambía, Allariz e A Merca. A maioría das accións desenvolvéronse na franxa este do país, en área urbanas, que son aquelas nos que as ribeiras e os canles reciben maior presión. 

[Imaxes: ADEGA] Xornada de limpeza no 2018.Cada ano, Adega elabora un informe sobre os ríos con inspeccións feitas por persoas voluntarias. Os treitos que atravesan poboacións son os máis castigados, “pero xa estamos a detectar incidencia tamén nos cursos fluviais en vilas pequenas”, advirte Bañobre, que avanza algunha das conclusións do informe 2018 que tamén presentarán esta terza (12.00 horas, Libraría Couceiro en Compostela).

Como en anteriores edicións, o informe volve sinalar que entre o 70 e o 80% dos ríos analizados están “en bo estado”. E ríos como o Lagares, o Mero, o Sar ou o Lérez están entre os máis danados. Adega volve chamar a atención este ano sobre a vexetación de ribeira. “Deteriorouse a calidade das masas de árbores, ben por destrución directa, ben a causa de especies invasoras… estean ou non catalogadas como tales”.

Bañobre avisa de que os datos máis sorprendentes proceden da medición da temperatura das augas. “Temos rexistrados augas superficiais a 20 ou 21 graos centígrados”, explica, “e isto ten que ver coa retirada da sombra dos árbores de ribeira, co déficit hídrico, e supoñemos que en xeral co cambio climático”.

As condicións foron mudando rápido e na actualidade os test de inspección inclúen unha pregunta que hai un par de décadas non tería sentido: a auga, flúe ou non? “Nos anos 16, 17 e 18 detectamos déficits hídricos, leitos secos, en ríos como o Arnoia ou o Limia e outros do interior. Baixaron as precipitacións, e todos os nosos ríos son de réxime pluvial. A seca empeza a afectar ao subministro nalgunhas cidades”. 

Neste contexto, Adega advertirá de novo sobre a insuficiente xestión das entidades hidrográficas, “que catalogan, etiquetan reservas naturais nos espazos mellor conservados, pero apenas fan un traballo exhaustivo no resto”, opina Bañobre; e no labor das administracións locais no control da calidade das augas e a redución das perdas nas redes de distribución. No caso do Limia, despois de outro verán de contaminación á vista, Adega advirte do duplo perigo da contaminación nas augas superficiais e nos acuíferos, co conseguinte risco para a poboación. “Haberá que preguntar se a saúde das persoas comprométese ao beber auga da billa nesa área?”, conclúe Bañobre.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/limpando-rios-exemplo-cidadan-desleixo-administracion-empresas/20190909195315083881.html


© 2019 Sermos Galiza