Imprimir

A literatura que vén do frío

Daniel Salgado | 11 de setembro de 2019

Paisaxe finlandesa. Foto: cedida.
Paisaxe finlandesa. Foto: cedida.
É da man do xornalista Roman Schatz (Überlingen, Alemaña, 1961) que Dende Finlandia con amor achega, en apenas un cento de páxinas, a outra face do país escandinavo. Monllo de artigos “lixeiros, hilarantes e mesmo ferintes desde o punto de vista do migrante que sofre o choque de culturas”, o volume inaugura Esplanadi, o novo selo da editorial Rinoceronte dedicado exclusivamente á literatura finlandesa traducida ao galego.

dendefinlandia

Os tradutores Tomás González Ahola e Tuula Ahola atópanse detrás do proxecto. “Detectamos un crecente interese na literatura finlandesa a partir das traducións publicadas en Rinoceronte”, explican a Sermos Galiza fontes da editorial vía correo electrónico, “e decidimos dar un paso máis e crear Esplanadi. O noso obxectivo é dar a coñecer obras inéditas no noso contexto”. As tres novelas de Arto Paasilinna (1942-2018) vertidas polos Ahola desde 2006 foron, talvez, o exemplo máis significativo.

Foi ese singular éxito o que empurrou á constitución da nova marca. Iso e “a facilidade que supón para o equipo de Rinoceronte traballar con Tomás e Tuula”. Esplanadi -que tamén dispoñibilizará títulos en castelán dirixidos ao mercado estatal- publicará ficción e non ficción. Os dous títulos que a abren confírmano: o Dende Finlandia con amor de Schatz e a reedición de Os sete irmáns, de Aleksis Kivi (1834-1872), primeira obra de relevo en lingua finesa antes editada por Rinoceronte.

osseteirmans

Mais o programa de Esplanadi xa está deseñado a meses vista con obras inéditas na Galiza e no resto do Estado. O día do falso gato, de Pasi-Ilmari Jääskelainen (1966); Soños europeos, de Emma Puikkonen (1974); O mapa da perda e o esquecemento, de Marisha Rasi-Koskinen (1975); e As tres fins do mundo, de Erkka Mykkänen (1988), “libros moi recentes e de grande interese” a dicir do selo, serán as vindeiras.

Esta canle aberta permanente entre Escandinavia e a literatura galega é, polo momento, só nunha dirección. Desde Rinoceronte informan de que “agora os axentes literarios finlandeses xa saben da existencia da lingua galega e a súa literatura”. Porén, nos datos que recolle o índice de traducións da Unesco, sinalan fontes editoriais, non aparece ningunha obra literaria galega en finés.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/literatura-ven-do-frio/20190909120041083860.html


© 2019 Sermos Galiza