Imprimir

A loita da Galiza rural contra a “depredación” das empresas eólicas

H. Pena | 05 de setembro de 2019

[Imaxe: Adega] Ecoloxistas enriba dunha das escavadoras.
[Imaxe: Adega] Ecoloxistas enriba dunha das escavadoras.
Como se dun territorio africano na era da colonización europea se tratase, grandes corporacións estanse a repartir os lugares máis privilexiados da xeografía galega para instalar uns parques eólicos que “aniquilan todo ao seu paso, independentemente do seu valor medioambiental, cultural ou paisaxístico”. Enfronte están a atopar a oposición de plataformas cidadás como Stop Eólicos ou Salvemos O Iribio, que pretenden frear a “ambición desaforada” das eléctricas e os seus intentos de “engaiolar” as poboacións locais por “catro pesos”. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 362 do semanario en papel Sermos Galiza.

m_1_TemaPrimeiraRiqueza, emprego, desenvolvemento… Son as verbas que máis se repiten nas declaracións e notas de prensa da Xunta de Galiza e de firmas como Green Capital Power ou Endesa no referente á proliferación de parques eólicos por toda a xeografía galega.

Esta linguaxe curiosamente común entre empresas e administración galega responde ao intento de “xustificar” entre a sociedade a multiplicación destas instalacións desde que en outubro de 2017 se aprobase a Lei de Iniciativas Empresariais –coñecida como “Lei de Depredación”–, unha norma que conduciu a que só en 2019 a patronal enerxética estimase instalar na Galiza ao redor de 500 megavatios, máis do dobre que no decenio 2008‑2018. E todo iso a pesar de que a finais do pasado ano xa existían 162 parques que xeraban 3423 megavatios, un 14,5% do conxunto do Estado, o que non foi óbice para que as familias galegas pagasen unha das facturas da luz máis elevadas de Europa.

O deputado de En Marea Antón Sánchez incide en que ese esforzo propagandístico de Xunta e empresas por maximizar os beneficios dos parques eólicos e minimizar as súas consecuencias negativas débese a que “teñen que defender a aberración do espolio do territorio en beneficio dunhas poucas corporacións, a maioría de capital estranxeiro, e algunhas incluso favorecidas pola súa proximidade ao Partido Popular, como Fergo Galicia Vento SL”. Esta última compañía é a concesionaria da planta que se está a desenvolver nun dos montes máis emblemáticos do Courel, no cumio da serra do Iribio, e cuxa construción espertou un gran rexeitamento por ir en contra da lei ao se atopar nun espazo que forma parte da Zona de Especial Conservación Ancares‑Courel, da Rede Natura 2000 e que está situada dentro do BIC Camiño de Santiago, ademais de estar incluída na proposta de declaración de Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Iribio e O Courel, presentada publicamente só cinco días antes da aprobación do proxecto definitivo do parque eólico, “cando unha cousa é absolutamente incompatíbel coa outra”, segundo Adega.

A opacidade e o fume da sospeita rodean esta instalación desde que nada máis perder as eleccións o último goberno de Fraga, xa en funcións, aprobara unha Declaración de Impacto Ambiental que “non tivo en conta a localización do parque eólico nun espazo natural protexido da Rede Natura –daquela Lugar de Interese Comunitario– nin realizou unha adecuada avaliación das especies que se verían afectadas, como a aguia real ou o oso pardo, especie ameazada considerada de interese prioritario para a UE”, explican Adega e a Sociedade Galega de Ornitoloxía –SGO–.

Desde ese momento non houbo máis disposicións até que en outubro de 2018 Fergo Galicia Vento retoma un proxecto que inicia “de xeito ilegal, por atoparse en Rede Natura e por non contar con licenza municipal nin coa autorización da Dirección Xeral de Enerxía e Minas”, apostila Adega, que tras agardar oito meses por unha copia do expediente de modificación do proxecto recibírona “tan só catro días antes” da súa aprobación definitiva no DOG, “impedindo calquera posibilidade de achegar alegacións”. Todo isto levou a que, hai tan só unha semana, as propias Adega e SGO, entre outras moitas entidades, constituísen a plataforma Salvemos O Iribio, que considera que a principal “argucia” empregada foi non avaliar os impactos acumulativos do plan eólico no seu conxunto: “Fragmentouse interesadamente en tres expedientes administrativos distintos –accesos, liña de alta tensión e parque propiamente dito–, xa que ese impacto sempre será menor, o que contravén a Lei de Avaliación Ambiental vixente”.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 362 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/loita-da-galiza-rural-depredacion-das-empresas-eolicas/20190904174119083704.html


© 2019 Sermos Galiza