Imprimir

O Lugo cesa o cuarto director deportivo en cinco anos

Ernesto Uribe | 05 de febreiro de 2019

Viqueira, na presentación de Manu Barreiro como novo futbolista do Lugo
Viqueira, na presentación de Manu Barreiro como novo futbolista do Lugo

É un posto de alto risco o do director deportivo do Lugo. O clube comunicou esta terza feira o cesamento do titular do cargo, Emilio Viqueira. Cae tamén o seu adxunto, José Luis Deus. Viqueira é o cuarto director deportivo cesado na entidade branquivermella no transcurso dos últimos cinco anos.

Serias diferenzas na composición do plantel —Viqueira viuse obrigado a asinar até 6 futbolistas novos no mercado de inverno— precipitaron a caída dun director deportivo que durou apenas pouco máis de medio ano no cargo. O ex futbolista do Deportivo únese na nómina de cesados aos seus predecesores Víctor Moreno, Toni OteroEmilio de Dios.

 

A pesar do cesamento, a situación do Lugo na táboa dista de ser desesperada. En 24 capítulos do campionato sumou 26 puntos e dispón dun colchón de 4 a respecto da zona do descenso de categoría.

 

Viqueira xa non contaba coa confianza da directiva presidida por Tino Sasqués cando esta, de costas viradas ao director deportivo e na ventá de fichaxes invernal, decidiu traspasar dous futbolistas clave do plantel, Azeez e Kravets, traspasados ao Granada e ao Leganés, respectivamente.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/deportes/lugo-cesa-quinto-director-deportivo-anos/20190205120019075749.html


© 2019 Sermos Galiza