Imprimir

Lugo: un exército na escaleira

Román S. Besteiro | Román Sanchez Besteiro, licenciado en Dereito e Ciencias Políticas. Membro da relixión Cruyffiana

Sermos Galiza | 10 de marzo de 2014

Dicía Manuel Vázquez Montalbán que o Barça era o exército desarmado de Catalunya

                                         
Dicía Manuel Vázquez Montalbán que o Barça era o exército desarmado de Catalunya, facendo un paralelismo, o Lugo é o exército da cidade lucense nesta rivalidade entre cidades que é o fútbol da Segunda División máis tola que viron os tempos.

Agora que xa está explicado o do exército, imos coa escaleira. Durante os meus anos en Madrid, foron numerosas as ocasións que tiven que respostar a brincadeira dos galegos e a escaleira, se subimos ou baixamos. Eu acostumaba a respostar que Carrero Blanco non era galego.

Porén, hoxe en día, os afeccioados si que estamos na metade da escaleira (a 3 puntos da promoción de ascenso e a 5 do descenso) e ante esta situación, hai dúas posturas ou miras para baixo, ou ollas para arriba.

Son eses días que Pita, o noso mariscal, parece Guardiola e Renella, Van Basten

A miña opinión é que todo vai depender do Lugo que vexamos no último terzo da tempada. O partido de onte foi un bo exemplo do que podemos agardar e do Lugo que vimos nesta tempada.

Hai un Lugo "nabo mecánico" que segue os mandamentos do Deus do fútbol moderno que é Johan Cruyff, é o equipo que xoga mellor que calquera equipo de 2 división, saída de balón desde atrás, posesións longas coa portería contraria na cabeza, moita velocidade na circulación do balón, ocasións de gol e goles. O Anxo Carro louba ese fútbol co cántico de "fútbol de salón". Son eses días que Pita, o noso mariscal, parece Guardiola e Renella, Van Basten. No comezo desta segunda andaina na Segunda foi o equipo que vimos, que tamén puidemos ver onte a partir do gol.

O Lugo está a 3 puntos da promoción de ascenso e a 5 do descenso

Pero tamén hai un Lugo máis vulgar, un Lugo que lle custa ter unha circulación de balón digna de tal nome, ou no mellor dos casos,  esa outra "posesión defensiva"  que é a da España de Del Bosque cando  ten o balón sen intención de atacar, que non se achega a portería contraria e, se temos sorte, marcamos un goliño.

Se a iso lle sumamos o factor Renella (primeiro a lesión e, nestes últimos partidos, unha mistura de falla de confianza nel mesmo e problemas para que lle cheguen balóns en condicións) temos como resultado  un equipo máis da Segunda División, que non é pouco.

O certo é que miremos para arriba ou para abaixo, o Lugo ten a obrigación de ir partido a partido. Primeiro, chegar o obxetivo e despois soñar.

Nota: o autor non se fai responsable das súas palabras

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/roman-s-besteiro/lugo-exercito-na-escaleira/20140310142601025115.html


© 2019 Sermos Galiza