Imprimir

A maioría do grupo de En Marea rexeita a proposta de Villares para o Senado e estuda un nome de "consenso"

X.M. | 04 de xuño de 2019

Mariló Candedo, a terceira pola esquerda
Mariló Candedo, a terceira pola esquerda

Mariló Candedo, a proposta de Luís Villares como representante do Pazo do Hórreo no Senado, non chegará á Cámara alta porque carece dos apoios suficientes no grupo parlamentar da confluencia. Bate coa oposición do triángulo Podemos-Esquerda Unida-Anova. "Non porque teñamos unha má opinión dela, senón porque é unha candidata de parte", afirma unha fonte da maioría consultada por Sermos Galiza. A alternativa é "un nome de consenso sen adscrición partidaria". Cobra forza a hipótese de que sexa José Manuel Sande, concelleiro de Cultura en funcións na Coruña (Marea Atlántica).

En Marea como partido ten 4 votos no grupo parlamentar que leva o seu nome, hexemonizado polas forzas (Podemos/EU) que compareceron baixo o paraugas de Pablo Iglesias nas recentes eleccións xerais e europeas. No combate interno, Anova, representada neste momento por un só deputado (Antón Sánchez), alíñase coas marcas de ámbito estatal.

Esa situación de minoría villarista tornaba inviábel que saíse adiante a proposta de Mariló Candedo como senadora en representación da comunidade autónoma. Formulouna Luís Villares na reunión desta segunda feira do grupo parlamentar da confluencia. Como cabía agardar, non tivo apoios suficientes e a xuntanza concluíu sen acordo.

"Temos aínda horas por diante para tomar unha decisión. O ideal é que sexa de consenso. Se non é posíbel o acordo entre nós teríamos que someter as distintas propostas a votación", di a Sermos unha fonte da maioría do grupo parlamentar da confluencia.

"Mariló non pode ser porque é dirixente dun dos catro partidos [Podemos, Esquerda Unida, a En Marea de Villares, Anova] que están representados no grupo. A saída a este conflito é que as distintas forzas renuncien a unha candidatura de partido para que se abra paso unha persoa independente", alega a mesma fonte.

Significa isto que a alternativa de avalar o nome dun independente era desde o principio do proceso o único escenario explorado pola maioría do grupo? Realmente non. Así como a En Marea villarista optaba por unha dirixente da casa, tamén as outras forzas barallaban promover candidatos propios. Destarte, nos debates internos de cada unha das organizacións estiveron en algún momento sobre a mesa os nomes de Ángela Rodríguez Pam (Podemos), Miguel Anxo Fernán Vello (Anova) e Vanessa Angustias (Esquerda Unida).

Visto que a solución partidaria non tiña visos de prosperar ("se cada quen propón os seus non hai xeito de avanzar"), a vía dunha persoa co carimbo de independente foi gañando forza. O nome que neste momento tería máis opcións é José Manuel Sande, dirixente da Marea Atlántica e concelleiro de Cultura en funcións na Coruña.

Consenso?

"Non é de consenso. Marea Atlántica tomou claramente partido", afirman fontes próximas a Luís Villares. "Temos unha boa opinión de Sande, ten moi bon talante e é unha persoa honesta, mais non nolo poden vender como independente. En todo caso, Podemos, EU e Anova din querer unha candidatura de consenso, mais o consenso é pór a persoa que decidan eles", din.

As mesmas fontes apuntan a que a pasada semana Luís Villares tentou un achegamento á maioría do grupo parlamentar. "Procurou negociar con eles un acordo. Mais nin sequera aceptaron ter unha reunión. Seica non tiñan tempo para reunirse", alegan.

A situación é peliaguda porque de a tensión desembocar nunha ruptura do grupo parlamentar a confluencia perdería o dereito a designar senador. "Queremos evitar ese escenario neste momento porque non lle queremos regalar un escano no Senado ao PSOE", afirman as fontes villaristas. Con efecto, se o grupo de En Marea se desmembrar (nese caso os próximos ao portavoz pasarían ao mixto), a bancada da oposición con máis asentos sería a liderada por Xaquín Fernández Leiceaga. A Cámara galega ten a faculdade de designar tres escanos no Senado. Dous correspóndelle ao PP pola súa maioría absoluta. O terceiro é o que lle pertence ás forzas alternativas á escadra conservadora.

A lexitimidade de En Marea como partido

O debate no grupo parlamentar da confluencia sustanciouse esta segunda feira arredor dunha cuestión nuclear, a de se a dirección do partido instrumental, o Consello das Mareas, ten a capacidade ou non para designar a representación da formación no Senado. "Os estatutos son clarísimos. É o partido quen ten todas as atribucións", din a Sermos fontes próximas a Villares. O problema é que a maioría do grupo está materialmente fóra de En Marea como partido e non se sente concernida nin vinculada polos seus acordos. A ruptura orgánica é un feito, como tamén a electoral e o único vínculo, moi fráxil, que fica por rachar é o do grupo parlamentar.

Concluida sen acordo esta primeira reunión, o grupo ficou convocado para unha nova sesión de debate, axendada para esta cuarta feira ás 13.30 horas. A xente próxima a Villares asume que nesa xunta o tripartito Podemos-EU-Anova levará unha proposta, con apoios maioritarios dentro do grupo.  

Nin PSdeG nin BNG van designar candidato

A ruptura no grupo de En Marea antes da celebración do pleno en que se designe a representación do Parlamento no Senado non é o escenario que se ve como máis probábel nos estados maiores de PSdeG e BNG, de xeito que fontes socialistas confirmaron a Sermos que a formación socialdemócrata non vai presentar candidatura. "O escano que lle corresponde á oposición pertence a En Marea como segunda forza", dixeron. O BNG tampouco vai propor ninguén.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/maioria-do-grupo-marea-rexeita-proposta-villares-senado-estuda-nome-consenso/20190604110806080402.html


© 2019 Sermos Galiza