Imprimir

Máis de 200 persoas participan nas xornadas de CIG-Ensino e AS-PG

Redacción | 14 de abril de 2018

CIG-Ensino e a Asociación Socio Pedagóxica Galega (AS-PG) xuntaron máis de 200 persoas nas XXVII xornadas de Lingua e Literatura e nas XXI xornadas de Educación Infantil. Unha actividade en que tamén se presentou O Diario Galego, xornal que Sermos Galiza, S.A. prevé lanzar o ano que vén.

O IES As Fontiñas de Santiago de Compostela acolleu este sábado ao longo do día as xornadas que cada ano organizan a CIG-Ensino e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a XXVII edición das xornadas de Lingua e Literatura e a XXI edición das xornadas de Educación Infantil.

 

Abriu a xornada de Lingua e Literatura Rosalía Fernández Rial, quen expuxo unha proposta artística para renovar as aulas de lingua e literatura. A continuación, Xoán Costa, presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza S.A., deu a coñecer o proxecto para a saída de O Diario Galego en 2019 de sumar 3.000 persoas subscritoras e insistiu na necesidade de que o corpo docente poida contar cun diario impreso en galego para poder empregalo nas aulas, posibilidade que a día de hoxe non existe. Costa tamén expuxo as tres liñas básicas ao redor do ensino que Sermos Galiza S.A. comparte coa CIG-Ensino e coa AS-PG, “a necesaria normalización da lingua; o uso de medios propios nas aulas e a recuperación da memoria”.

 

Após a presentación de O Diario Galego, tivo lugar un interesante debate sobre o papel das e dos docentes de lingua galega no proceso de normalización lingüística que contou coa participación de Leonardo (Leo) Fernández Campos; Valentina Formoso Gosende; María Pilar García Negro e Mercedes Queizas Zas. Dado o éxito da palestra, contemplouse a posibilidade de que este tipo de debates continúen no tempo integrando outras perspectivas alén da lingua e da literatura. As catro relatoras coincidiron na necesidade de impulsar o galego como idioma vehicular do ensino con independencia da materia.

 

IMG_0002As APP e ferramentas en liña de balde, tamén dirixidas a persoas opositoras; a poesía como espazo para a muller; a expresión oral e o traballo en equipo; a figura de María Victoria Moreno e a obra de Pilar Pallarés foron outras das temáticas que se abordaron na xornada, en que, máis unha vez, ficou demostrado o seu carácter eminentemente práctico e vinculado á realidade diaria do traballo nos centros educativos.

 

O secretario nacional de CIG-Ensino salientou que xornadas como a de Lingua e Literatura “significan un pulo e un recoñecemento a todo o colectivo docente que está a traballar pola súa normalización nas aulas”. Engadiu que “a situación da nosa lingua é preciso abordala de maneira transversal en todos os niveis educativos e en todo o currículo”.

 

Educación infantil

 

Por outra banda, nas Xornadas de Educación Infantil explicáronse dúas propostas de traballo sobre espazos de aprendizaxe e matemáticas inclusivas. O programa completouse coa presenza de Luís Prego, mestre de canto e de baile tradicional e autor dos libros Para cantar e bailar Xogos tradicionais, que achegarou recursos para traballar o ritmo e a melodía coas crianzas de 0 a 6 anos. Así mesmo tamén se puido apreciar a importancia dos contos no ensino e na sociedade galega a través da intervención Contar para medrar, da ensinante e contadora Vero Rilo.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/mais-200-persoas-participan-nas-xornadas-cig-ensino-pg/20180414202129067869.html


© 2019 Sermos Galiza