Imprimir

Máis da metade de queixas que recibe A Mesa son sobre institucións públicas

Redacción | 03 de febreiro de 2018

Manifestación en defensa do galego.
Manifestación en defensa do galego.

Ao longo de 2017, A Mesa pola Normalización Lingüística tramitou 360 expedientes sobre o uso do galego. Máis da metade, o 56%, facían referencia a queixas sobre discriminación lingüística nas administracións públicas.
 

“O número de queixas que se tramitan na Liña do Galego son moi poucas en relación ás veces que se vulneran os dereitos dos falantes de galego”, valoran desde a asociación en defensa da lingua. A Liña do Galego é un servizo gratuíto que a Mesa pola Normalización Lingüística ofrece aos cidadáns e cidadás de “queixas, consultas e parabéns polo uso do galego”.

 

A avogada e vicepresidenta da Mesa Elsa Quintas, que encabeza o Observatorio de Dereitos Lingüísticos, salientou en comparecencia de prensa este sábado que a cidadanía é máis consciente dos seus dereitos lingüísticos no ámbito público e daí que as denuncias sexan máis abondosas. “No sector privado aínda hai moito por avanzar”, engadiu. A Liña do Galego recibiu queixas sobre empresas como Google, Ikea ou Abanca, ademais de sobre El Corte Inglés ou Movistar.

 

“O obxectivo da Liña do Galego é romper a normalidade e impunidade da exclusión do galego”, explican desde A Mesa, “denunciar, reclamar, actuar son neste momento as únicas ferramentas que ten a sociedade galega, así como animar a actitude de quen cumpre co galego moitas veces sen axuda nin recoñecemento”.

 

Na mesma comparecencia de prensa, ofrecida en Santiago de Compostela, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, sinalou que, neste 2018, as principais liñas de traballo da organización “irán orientadas a dar unha resposta social máis ampla e efectiva e á proposición e elaboración de alternativas”.

 

Ademais, A Mesa reforzará o Observatorio de Dereitos Lingüísticos, cuxa dirección corresponderá á avogada Elsa Quintas e que conta conta coa colaboración dun grupo de xuristas. “Ademais do asesoramento xurídico, o Observatorio seguirá a elaborar informes sobre a situación do galego en diversos ámbitos”, expuxeron, “como os os xa coñecidos sobre a situación do galego nas aulas de infantil ou o informe sobre xogos e xoguetes”. Neste intre, traballa sobre a situación do galego na banca e nos seguros.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/lingua/mais-da-metade-queixas-recibe-mesa-son-institucions-publicas/20180203163649065697.html


© 2019 Sermos Galiza