Imprimir

Máis de 200 persoas reclaman á Xunta a unha adecuada atención á diversidade nos centros escolares

Redacción | 09 de outubro de 2019

A plataforma 'Dereitos, non parches' denuncia as carencias de persoal especialista de atención á diversidade nos centros de ensino
A plataforma 'Dereitos, non parches' denuncia as carencias de persoal especialista de atención á diversidade nos centros de ensino
A concentración convocada pola plataforma de familias agrupadas baixo o lema Dereitos, non parches congregou esta cuarta feira máis de dúas centenas de persoas fronte á Delegación da Xunta da Coruña, para reclamar perante o Goberno galego unha atención á diversidade axeitada nos centros escolares e protestar contra os recortes. 

A mobilización, que segundo destacan desde a organización conta co apoio dunha quincena de entidades do ámbito educativo, cultural e veciñal, quere chamar a atención sobre as “insuficientes” medidas tomadas nos últimos días por parte da Consellaría de Educación para suplir as carencias de persoal especialista de atención á diversidade en máis de dez centros educativos da Coruña e a súa comarca.

A convocatoria xorde da mobilización de varias familias con fillas e fillos escolarizados nos centros afectados, apoiadas por ANPA da Coruña, Oleiros, As Pontes e Costa da Morte, e por asociacións relacionadas con trastornos que afectan á aprendizaxe, como son a Asociación de pais de nenos e persoas con discapacidade das mariñas coruñesas, Dismacor, a Asociación de Nais e Pais de Alumnos con Necesidades Educativas Especiais, Aspanee, e a Asociación galega de familias de persoas afectadas polo síndrome de Asperger, Asperga.

No acto desta mañá, a plataforma deu lectura a un manifesto no que as familias se declaran “fartas, cansas e enfadadas” pola discriminación sistemática que, denuncian, exerce a Administración contra os dereitos educativos das persoas vulnerábeis. “Só con persoal especialista de atención á diversidade non se logra a inclusión, pero sen el temos claro que é imposible acadala”, comeza o texto, que lle afea á Xunta que “debera ser quen protexa as persoas que polas súas circunstancias teñen máis risco de exclusión e non un inimigo ao que enfrontarse para elas”. “Porque non pode haber educación de calidade para ninguén nun sistema que ignora sistematicamente, que invisibiliza e nega a diversidade: un sistema no que hai xente que non recibe o que precisa para aprender é un sistema que só pode ensinarlles a todas e todos un mundo pequeno e inxusto”, conclúe o manifesto. 

Como advirte a plataforma, neste inicio de curso, familias de varios centros da comarca da Coruña, como o CEIP Labaca, o CEIP Rosalía de Castro, o CEIP Valle Inclán ou o CEIP Emilia Pardo Bazán tiveron que sacar á luz pública a carencia de profesionais de Audición e Linguaxe, Pedagoxía Terapéutica, así como de Auxiliares Técnicos Educativos (persoas coidadoras). “Tras declaracións contraditorias nas que tanto se negaba esa carencia como se atribuía a mesma a erros e confusións, a Consellaría de Educación convocou prazas para algúns deles, se ben non para todos e só con medias dedicacións en centros onde eliminara profesionais a tempo completo. A Xunta afirma así que as necesidades quedan cubertas”, lamentan as familias, que critican que “que non se trata dunha carencia puntual senón dun desprezo continuado pola adecuada atención do alumnado con necesidade específica de apoio educativo”. 

 

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/mais-duas-centenas-persoas-reclaman-xunta-adecuada-atencion-diversidade-nos-centros-escolares/20191009154643084990.html


© 2019 Sermos Galiza