Imprimir

Máis publicidade en galego

Susana Rois | 05 de novembro de 2019

Primeiro anuncio impreso en galego publicado no Tío Marcos da Portela.
Primeiro anuncio impreso en galego publicado no Tío Marcos da Portela.
O 5 de novembro de 1876 apareceu publicado o primeiro anuncio en lingua galega. ‘Máquinas pra coser da Compañía Fabril Singer’. Era o reclamo da firma estadounidense que se presentaba ao público galego no seu idioma nas páxinas do semanario O Tío Marcos da Portela. Desde aquela, o interese dos anunciantes por identificarse coa súa clientela potencial non deixou de medrar nin de reparar na lingua como medio de conexión. 

O idioma é un dos valores culturais máis prezados. «É un elemento clave. Tamén desde o punto de vista publicitario. No caso do galego representa moi ben a cultura do país. É un símbolo, un instrumento de carácter identitario, a mellor forma de persuadir. Quen aposta pola lingua galega para anunciarse faino porque é eficaz desde o punto de vista emocional», asegura Alberto Pena, profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra. Pero non sempre quen se anuncia en galego comunica en galego.

Hai quen o fai por puro efectismo e quen o fai por convicción, recoñecen desde Ovo Publicidade, unha axencia con 17 anos de experiencia, impulsada por alumnado da segunda promoción de Publicidade e Relacións Públicas da Universidade de Vigo, con sede na cidade do Lérez. «O 90% dos traballos que facemos son en galego», explica Ismael Calvo, director creativo. «Boa parte de culpa tena o sector cultural. Traballamos con moitas institucións, asociacións e con eventos culturais onde o idioma ocupa un lugar preferente. O galego é irrenunciábel para eles. Tamén para a Administración local e para moitas organizacións privadas que lanzan campañas de carácter social». 

O galego inadvertido

No caso das clientas privadas a lingua non adoita ser unha prioridade. «Normalmente non é unha premisa», apunta Carlos Álvarez, socio e deseñador de Desoños, un estudo de deseño que axuda a moitas marcas a crear ou a redefinir a súa identidade. «Quen aposta polo galego faino con convencemento de xeito integral. Pero o máis normal é que o idioma non saia nunca nunha reunión de traballo». A escolla final depende da posición dos creativos. E aquí tanto Desoños como Ovo Publicidade confesan unha experiencia case idéntica. Cando as empresas non teñen preferencia por un idioma, non amosan ningún reparo e case nunca se opoñen ao uso do galego.

«Quen aposta polo galego faino con convencemento de xeito integral. Pero o máis normal é que o idioma non saia nunca nunha reunión de traballo»

Esta resposta favorábel foi analizada por primeira vez a mediados dos anos 90. Os investigadores Gabriel Rei-Doval e Fernando Ramallo estudaron a reacción dos consumidores e consumidoras fronte aos anuncios en galego, ademais da percepción dos anunciantes. As súas conclusións debuxaban un escenario optimista para o uso en campañas publicitarias. O 80% das persoas consultadas amosábase partidaria da publicidade en galego, mentres que só 5% rexeitaba a súa utilización de xeito explícito.

Unha lingua eficaz

Daquela investigación xurdiu unha aprendizaxe que aínda se mantén. O galego vende. É unha lingua válida, prestixiosa e de confianza; que serve para anunciar produtos e servizos, mais sobre todo, para conectar coas consumidoras potenciais. O profesor Alberto Pena é dos que defende a vixencia desta noción. «Os estudos de Ramallo e Rei-Doval demostraron que o galego é moi eficaz porque favorece unha conexión emocional directa coa clientela potencial. E iso derivou nun aumento da produción de campañas en galego que continúa. Pero non é suficiente. Dalgunha maneira habería que normalizar o seu uso, facelo extensivo e rendíbel máis aló da eficacia publicitaria». 

A identidade vende

Para Alberto Dafonte, coordinador do Master en comunicación en medios sociais e creación de contidos dixitais da Universidade de Vigo, máis que o idioma, o que vende é a identidade. «En todo o mundo se lanzan campañas que apelan á identidade dos pobos e ao orgullo de ser como somos. E todas triunfan. Nese contexto é onde o galego vende. Vende o efecto do país de orixe, que na Galiza se asimila coa calidade. Por iso é máis doado ver campañas de publicidade en galego de empresas dos sectores produtivos». Noutros sectores, di, onde é máis difícil apelar á identidade, o galego xa non ten tanta presenza.

terrae deseuA experiencia de Desoños confirma esta premisa. «Hai marcas cun perfil internacional ás que o galego lles encaixa moi ben na súa filosofía porque buscan identificar os seus produtos co país», explica Carlos Álvarez. É o caso de Adegas Terrae, que buscou un nome en galego para cada un dos seus viños, e mesmo optou por etiquetar as súas botellas en galego aínda cando nunca se propuxera facer tal.

O sector recoñece eivas e incoherencias que deberían corrixirse. Máis aló da eficacia publicitaria do galego e da rendibilidade económica do seu uso, cómpre un emprego integral que comeza por outorgarlle un trato de prioridade en todas as facetas da publicidade e da comunicación.

“A lingua é o mellor mecanismo de transmisión e conexión”

Nunca se fixo tanta publicidade en lingua galega como agora. Coincide no tempo cunha perda de galegofalantes preocupante para o futuro da lingua, unha coincidencia que sinala a vontade e a necesidade de seguir apegadas ao idioma. Crear en galego é unha oportunidade; para moitas empresas, unha cuestión innegociábel que lles outorga visibilidade e viabilidade.

«É clave o papel dos medios públicos. A Radio Galega non emite ningún anuncio que non sexa en galego, pero a TVG non mantén esa esixencia e ten autoridade suficiente para explicarlles aos anunciantes que a súa lingua é o galego»

«O número de anuncios en galego crece», asegura Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, «pero aínda se deixa ver certo desinterese nalgúns ámbitos, e noutros, algunha mostra de desleixo, incluso de desprezo. Penso no Hyundai Kona. A marca decidiu mudarlle o nome en Portugal, pero non fixo o mesmo na Galiza, mantendo unha campaña sen sentido, que fai rir».

Desde A Mesa cren que a presión social debera ser maior en moitos casos á hora de reclamar o uso creativo do galego. «A lingua é o mellor mecanismo de transmisión e conexión, por iso é clave o papel dos medios públicos. A Radio Galega non emite ningún anuncio que non sexa en galego, pero a TVG non mantén esa esixencia e ten autoridade suficiente para explicarlles aos anunciantes que a súa lingua é o galego».

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/lingua/mais-publicidade-galego/20191104200044086288.html


© 2019 Sermos Galiza