Imprimir

Editorial #Sermos346: Máis que nunca, querémolo!

Editorial | Sermos Galiza Editorial

Sermos Galiza | 16 de maio de 2019

O lema das mobilizacións convocadas para este 17 de Maio apelan a querer o galego máis que nunca. Unha lingua para a que se precisa unha outra política lingüística que contribúa ao seu uso e á súa dignificación. Cómpre sermos conscientes de que nos referimos ao maior tesouro creado polo pobo ao longo dos séculos. Non hai que fechalo baixo chave no cofre nin soterralo, é un tesouro para empregar cada día e para o facer con normalidade.

 

A lingua non pode ficar relegada ao Día das Letras Galegas, aquel en que os medios escritos, con publicaren a portada en galego, xustifican as subvencións públicas. Debemos ser activistas os 365 días do ano para reivindicármonos como unha Galiza de seu que ten entidade propia. Neste 2019 esta reivindicación cobra unha importancia especial, pois estamos a traballar no nacemento de Nós Diario, o medio que acabará cunha anormalidade histórica: da ducia de diarios en papel creados na Galiza hoxe ningún comunica a información en galego.

 

Tamén reviste de relevancia este 17M se temos en conta que Queremos Galego fai unha década de vida. Van dez anos desde aquel 2009 en que se produciu a única manifestación contra o idioma propio da Galiza e cando o Goberno da Xunta comezou a lexislar contra o galego. Demostremos que aquel berro de “Queremos Galego” segue máis vixente que nunca. Nas rúas e tamén no noso día a día.

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/editorial/mais-que-nunca-queremolo/20190515203313079685.html


© 2019 Sermos Galiza