Imprimir

Manuel Formoso Piñeiro, a morte dun heroi

Cilia Torna | 13 de abril de 2019

Un militante nacionalista máis a facer un memorando de dignidade. Outra paxina imperdíbel agochada polo silencio imposto aos derrotados e que debe ser escrita en letras de ouro para que a vitoria sexa algún día posíbel. A historia, ao fin, daquelas loitadores anónimas do partido de Castelao e de Bóveda que sementaron  Galiza con fanegas de  rebeldía.

Soubemos del por uns versos titulados “A morte dun heroi” asinados baixo o pseudónimo de B. Lerez no Cancioneiro de loita galega editado en 1942 polo Partido Galeguista de México e pensamos que non podía ser certo. Antes de descubrir ao noso heroe coñecemos que o autor  do seu poema era o exiliado pontevedrés Benito Búa Rivas, compañeiro de primeiras letras do mártir na escola  de Lerez e que na súa estadía mexicana comezou o transitar do socialismo de obediencia española ás posicións nacionalistas acubilladas naquel xenial revista chamada Saudade. E si, existiu un mozo como aquel do que falaba o poema, alistado á forza nun exercito que non era o seu, desertor das tropas fascistas, parte, ao fin, das milicias populares, combatente contra o franquismo nalgúns dos máis importantes frontes de batalla e fusilado por un piquete fascista.

 

Fillo duns emigrantes de Carnota, Manuel Formoso e Manuela Piñeiro, naceu en Arxentina en 1916,  criouse na parroquia pontevedresa de Alba, onde seus pais mercaran unha importante propiedade ao regresar da Arxentina e se dedicaban profesionalmente a atender unha explotación agraria que pasaba por ser modélica polas iniciativas modernizadoras que levaban adiante, e que destacaba pola produción de viño. Aprendeu as primeiras letras co seu curmán Antón Agustín Formoso Piñeiro, que naquela altura estudaba maxisterio en Pontevedra e residía na súa casa, secretario xeral, co tempo, do Partido Galeguista de Carnota, presentador do mitin de Castelao en Lira e mestre depurado de Caldebarcos. Estudou na escola de Lerez, como a súa irmá Manuela, emigrante en Uruguai, o seu irmán Carlos, emigrante en Arxentina, e o seu irmán, Xulio, residente en Venezuela desde 1948, xornalista económico, sería o responsábel de comunicación do DRIL, xogando un papel destacado no operativo do Santa María e facendo parte da sección da UPG en Venezuela. Formoso Piñeiro posteriormente cursaría por libre estudos mercantís na Escola Profesional de Comercio de Vigo, recibindo nesta época clases particulares, do funcionario de facenda e dirixente nacionalista de Pontevedra Xulio Alfonsín Castrelos.

 

Militante das  Mocidades Galeguistas de Pontevedra, a súa afiliación en 1935 coincide cunha fonda crise organización local que provocou a práctica  parálise das actividades, un importante número de baixas e o traslado ao partido doutro grupo de adherentes, como consecuencia dos enfrontamentos entre os leais ao Partido Galeguista e os próximos á Dereita Galeguista O dirixente das Mocidades, Victoriano Buxán Rivas, cuxa nacionalidade arxentina o salvou da morte pero non da cadea e do exilio, nesas mesmas datas afirmaba  na prensa patriótica que “estas atópanse mortas” e Víctor Casas  informaba por carta a Boveda que “os mozos deixaron de vir polo local agás Illa e Buxán, no caso de Fontenla e Taboaba é mellor así”. A dedicatoria do poema  “A morte dun heroi”, recollida no libro “Cancioneiro da Loita Galega” publicado en 1942 pola delegación mexicana do Partido Galeguista, preséntanos a Manuel Formoso Piñeiro como “mozo poeta pontevedrés”, versión corroborada polo seu curmán Agustín Formoso Iglesias, porén non coñecemos ningún verso da súa autoría.

 

Será fusilado á volta do mes de abril de 1939 na localidade de Sarrión nas terras de Teruel. Como escribía o noso B. Lerez, isto é  Benito Búa Rivas,  no seu “A morte dun heroi”,”Manuel Formoso Piñeiro/por defendel-a Nacion,/morto foi de moura xente/ nun piñeiral de Sarrión!./os do piquete, rifeños/asómbranse do valor/que ten, que ten poucos anos/para ser tan grande heroi”. A persecución do que foi obxecto a familia obrigou os pais a malvender as súas propiedades en Pontevedra e comezar outra vez o camiño da emigración á Arxentina onde non tardarían en morrer un e outro.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/memoria/manuel-formoso-pineiro-morte-dun-heroi/20190411164902078024.html


© 2019 Sermos Galiza