Imprimir

O maquinista do Alvia non foi instruído por Renfe sobre os fallos de seguranza en Angrois

H.V. | 23 de xaneiro de 2014

A versión oficial de Renfe é que, após receber un correo electrónico de alerta do seu chefe de máquinas en Ourense, treinou os maquinistas para lidaren cunha curva como a de A Grandeira. Mais só o fixo cos de media distancia, non así con Francisco Garzón, o condutor do Alvia sinistrado, que é maquinista de longa distancia.

 

O chefe de máquinas en Ourense e o seu superior xerárquico tomaron a decisión de formar os maquinistas de media distancia dentro do limitado abano das súas competencias e perante o nulo caso que lles fixeron os altos cargos de Renfe de Madrid, que se inhibiron ao receber un correo electrónico en que se alertaba sobre as deficiencias de seguranza (inexistencia de sinais de risco) no tramo en que se produciu a traxedia de Angrois, saldada con 79 vítimas mortais.

Os maquinistas manifestan a súa irritación por Renfe cargar as responsabilidades na persoa que deu a alerta no canto de pescudar por que non foi tida en conta

Mas esa decisión -de acordo coas súas competencias non podían tomar outra, non estaban facultados para instruíren os maquinistas de longa distancia- deixaba fóra a Francisco Garzón, o condutor do Alvia, e até agora único imputado no caso polo xuíz Luis Aláez. Único imputado non pola vontade do maxistrado, senón pola decisión da Audiencia Provincial da Coruña que no pasado mes de Novembro levantou a acusación que pesaba sobre 5 técnicos de seguranza de Adif.

Os Alvia, sen ERTMS

Así as cousas, ninguén mellorou a formación técnica de Garzón para manexar unha situación de risco como a que se presenta en A Grandeira. Ninguén tampouco fixo nada para subsanar a carencia de medidas de seguranza.

A día de hoxe, os Alvia continúan a operar nesta liña Santiago-Ourense nas mesmas condicións que hai 6 meses, o día en que se produciu o sinistro, isto é, sen levaren o sistema de freado ERTMS operativo a bordo.

De por parte, os maquinistas de Renfe teñen xa manifestado a súa irritación por que a empresa tencione agora cargar as responsabilidades sobre o chefe de máquinas que deu a alerta [acúsano de non ter elevado a súa advertencia perante o órgao apropriado] no canto de pescudar por que o aviso non foi tido en conta.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/galiza/maquinista-do-alvia-non-foi-instruido-renfe-fallos-seguranza-angrois/20140123083500023363.html


© 2019 Sermos Galiza