Imprimir

En Marea, BNG e villaristas critican o nomeamento "bipartidista" da valedora do pobo

X.M. | 26 de xullo de 2019

Un momento da xunta de portavoces [Foto: Grupo parlamentar de En Marea]
Un momento da xunta de portavoces [Foto: Grupo parlamentar de En Marea]

O nomeamento da nova Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, abre unha fenda na oposición. En Marea, BNG e villaristas criticaron esta sexta feira o que consideran un pacto bipartidista para designar a sucesora de Milagros Otero, quen se viu obrigada a demitir ao ser salpicada por un escándalo de nepotismo. O pleno para a designación de Fernández Galiño terá lugar a próxima cuarta feira.

 

O nomeamento precisa dunha maioría de tres quintas partes do hemiciclo. O PP recabou o apoio do PSdeG para obter ese quórum. As outras forzas da oposición lamentan teren sido ninguneadas e critican a conservadores e socialistas por volveren ás andadas dos "erros do bipartidismo".

Esta sexta feira, reuniuse a xunta de portavoces no Hórreo e na xuntanza fixouse para a vindeira cuarta feira o pleno de designación de Fernández Galiño.

Nunha primeira avaliación, o portavoz do grupo parlamentar de En Marea, Manuel Lago, declarou: "É intolerábel o reparto de cargos entre o PPdeG e o PSdeG, reeditando o bipartidismo que elixu a anterior valedora". Por súa parte a viceportavoz nacionalista Olalla Rodil afirmou: "Despois de ter desoído durante meses a petición do BNG de cese da valedora, agora [o PP] quere facer unha renovación a fume de carozo e sen negociación nin diálogo".

Luis Villares, do grupo mixto, anunciou a súa oposición ao nomeamento de Fernández Galiño  xa que, dixo, non é un nome representativo dunha idea ampla e consensuada. Lamentou o “mal comezo” do socialista Gonzalo Caballero no Parlamento ao ir buscar consensos na dereita para pactar co PP o nome da persoa que ocupará a Valeduría do Pobo.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/marea-bng-mixto-critican-nomeamento-bipartidista-da-valedora-do-pobo/20190726141703082531.html


© 2019 Sermos Galiza