Imprimir

A oposición tómalle a palabra a Feixoo e leva ao Hórreo o debate competencial

X.M. | 04 de febreiro de 2019

Escanos da oposición no Parlamento galego
Escanos da oposición no Parlamento galego

Unha vez que o PPdeG votou no Parlamento galego non ficar atrás de Euskadi e Catalunya en teito competencial, En Marea, PSdeG e BNG intensifican a presión sobre o goberno Feixoo cunha batería de iniciativas para alargar o poder político do autogoberno galego.

A oposicion quer testar se realmente hai un xiro autonomista do PPdeG, xusto no momento en que o partido hexemónico na Galiza está a ter competencia no seu flanco dereito por parte do ultra-centralista Vox.

 

As tres formacións alternativas ao PP —En Marea, PSdeG e BNG— piden a elevación sustancial do catálogo de competencias da Xunta. O BNG, porén, pon en destaque que o desenvolvimento do actual estatuto até chegar ao máximo da súas potencialidades non obsta para xulgar que o marco político por el debuxado constitúe un "traxe estreito" que só se poderá deixar atrás cun proceso autenticamente constituínte.

 

"Veremos se Feixoo se autoemenda e muda dez anos de estratexia recentralizadora ou é só un exercicio de travestismo político", dixo esta segunda feira en comparencia de prensa Ana Pontón, mentres que, nun ton similar, Luís Villares cuestiona o "disfraz autonomista" do presidente da Xunta e ínstao a convocar unha reunión da Comisión Bilateral de Competencias Galiza-Estado reactivada, dixo, grazas a unha iniciativa formulada no Congreso por En Marea.

 

En Marea e BNG concordan no básico no pacote de transferencias que debería negociar o goberno galego con Madrid —salvamento marítimo, tráfico...—, se ben a formación nacionalista pon o acento na necesidade dun novo modelo de financiamento para o país, a tomar como modelo o concerto económico que rexe en Euskadi e Nafarroa.

 

Por súa parte, o PSdeG estabelece como límites ao debate o marco estabelecido pola Constitución e polo Estatuto, mais dentro deses lindes propón a transferencia de até 30 competencias a negociar na comisión bilateral. Xaquín Fernández Leiceaga censura o "postureo autonomista" sen contido de Feixoo e contrapono ás declaracións dun Diego Calvo partidario de non vetar eventuais acordos con Vox.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/marea-bng-tomanlle-palabra-feixoo-levan-ao-horreo-debate-competencial/20190204133911075724.html


© 2019 Sermos Galiza