Imprimir

En Marea consuma a súa ruptura após un longo proceso que pode derivar na perda dun escano no Senado

X.M. | 20 de xuño de 2019

Un momento da conferencia de imprensa
Un momento da conferencia de imprensa

Após vivir meses á beira da ruptura, En Marea deu esta quinta feira o último paso da súa andaina como o grupo que coñecemos desde a súa fundación en 2015.

Reuniuse na tarde desta quinta feira a dirección de En Marea, tal e como avanzou Sermos, e tomou basicamente dúas decisións. A primeira, a de abandonar o grupo parlamentar agora dominado por Podemos, Esquerda Unida e Anova e pasarse ao grupo mixto. A segunda, a de non dar a batalla legal pola designación do escano que en teoría lle correspondía á confluencia no Senado. Villares non rexistrará a proposta de Mariló Candedo. Ficará, por tanto, só a do ex edil da Marea Atlántica, José Manuel Sande.

A ruptura pode perfectamente saldarse coa perda do escano no Senado, desde o momento en que o grupo proponente de Sande só ten 10 parlamentares, 4 menos que os do PSdeG, que deste xeito recobra a condición de segunda forza no Pazo do Hórreo.

VIllares compareceu perante os medios arroupado polo resto da dirección mareante e deu leitura a un longo comunicado, cheo de reproches a Podemos —aos seus ollos, principal responsábel da ruptura— e tamén a Esquerda Unida e Anova, aos que apuxo seren seguidistas da formación liderada por Pablo Iglesias.

A ruptura pode perfectamente saldarse coa perda do escano no Senado, desde o momento en que o grupo proponente de Sande só ten 10 parlamentares, 4 menos que os do PSdeG

"Ás veces en política, igual que na vida, cómpre tomar decisións complexas para seguir avanzando", dixo Villares, co semblante serio, no pórtico da súa longa intervención. 

"Anunciamos que estes 4 deputadas e deputados abandonamos un grupo parlamentar que xa non representa a En Marea, senón a Podemos e a aqueles que deciden seguir os seus ditados", leu Villares. "E facemos isto para avanzar nun proxecto renovado que recupere a ilusión perdida durante estes anos polas leas internas e que sexa unha das voces plurais da esperanza", acrecentou. Unha das voces, non a voz, enfatizou. "Si, recoñecemos a pluralidade da sociedad galega. Recoñecemos que un só espazo político non é capaz de representar a totalidade". Un discurso este que contrasta poderosamente coa retórica tradicional da confluencia, sempre pronta a se autoproclamar como o ámbito en que se producía a unidade popular. Hai tamén pobo fóra da Marea, vén argumentar agora Villares.

"Anunciamos que estes 4 deputadas e deputados abandonamos un grupo parlamentar que xa non representa a En Marea, senón a Podemos e a aqueles que deciden seguir os seus ditados", leu Villares.

Racha a En Marea tal e como a coñecemos até agora e nace unha nova En Marea, unha formación galeguista e progresista que se acha en pleno proceso de reflexión política, coa vista posta no lanzamento dun "proxecto renovado" no próximo mes de xullo. A idea básica sería recuperar os valores fundacionais da En Marea de 2015, deturpados, de acordo co discurso villarista, polos aparatos partidarios, e basicamente por Podemos, que se propuxeron no seu momento ou "colonizar" ou "destruír" a confluencia cidadá. Soberanismo democrático, "onde a cidadanía galega sexa o espazo de decisión", republicanismo, feminismo e democracia social e económica serían pezas basilares do novo proxecto, acompañadas dun talante cordial, amábel. "Para facer política nen fai falla estar enfadados nin caer en estridencias. Xa abondou de enfados, xa abondou de discusións e xa abondou de leas. Cando alguén vén cunha solución a un problema ten que vir cun sorriso".

En MareaConcluída a leitura do comunicado, Villares submeteuse a unha intensa quenda de perguntas por parte dos medios. Explica o factor diñeiro o feito de que os 10 parlamentares nucleados arredor de Podemos se negasen a entrar as súas actas tal e como lles pedía a dirección de En Marea? , perguntouse desde as cadeiras da imprensa. "Descoñecemos [as súas motivacións]. Desde logo pola nosa parte non hai ningún problema de cartos. De feito non pedimos nada a cambio da nosa decisión. É unha decisión baseada no convencimento, nos principios, nas ideas. Tomámola por coherencia cos compromisos que adquirimos no seu día coa cidadanía galega no ano 2016, para podela representar fielmente e sen ningún tipo de interferencias [as que, segundo el, proviñan de Podemos]".

O escano do Senado: decidirá o PP na Mesa do Parlamento

Sobre o asento no Senado que lle correspondía ao grupo parlamentar orixinario de En Marea, Villares non foi moi preciso, "descoñecemos esa circunstancia", se ben esclareceu que finalmente a resolución do asunto lle corresponde á Mesa do Parlamento, controlada pola maioría absoluta do PP. O que si avanzou o líder mareante, a perguntas de Sermos, é que el como portavoz non vai rexistrar na cámara ningunha candidatura alternativa á de José Manuel Sande. "Non, a quen lle corresponde esa potestade neste momento é a maioría do grupo parlamentar. Nós non imos pelexar por algo que non é máis que unha pinga que fixo rebordar un vaso. Nós queremos pór agora un punto e aparte para poder cumprir fielmente o mandato cidadá co que viñemos representar as galegas e os galegos en 2016".

A idea básica sería recuperar os valores fundacionais da En Marea de 2015, deturpados, de acordo co discurso villarista, polos aparatos partidarios, e basicamente por Podemos

Canto aos trámites para a incorporación da deputada e dos deputados ao grupo mixto, Villares limitouse a dicir que notificarían a súa decisión á Mesa do Parlamento "nas vindeiras horas" e a respeito de que os 10 parlamentares que fican no grupo orixinario vaian manter a denominación En Marea a pesar de non se sentir representados por esas siglas mostrou certa resignación: "Esas son as regras parlamentares. Nós non podemos facer nada".

Tamén houbo espazo para a autocrítica na intervención de Villares. "Lamentamos, e pedimos desculpas por non o ter feito, non ter tomado esta mesma decisión [ir ao grupo mixto] no seu momento nas Cortes do Estado", alegou. Nese sentido, revelou que no seu día el mesmo tentou desbloquear con Pablo Iglesias unha situación que de facto, argüíu, mantiña amordazada a representación de En Marea no Congreso. "Non puidemos implementar unha axenda política galega porque non podiamos rexistar autonomamente iniciativas para as poder debater no pleno e nas comisións", dixo.

"Lamentamos, e pedimos desculpas por non o ter feito, non ter tomado esta mesma decisión [ir ao grupo mixto] no seu momento nas Cortes do Estado", dixo

Podemos mantivo o bloqueo pola súa concepción centralista da política, sempre segundo o relato de Villares, e a En Marea partido cometeu o erro de non ter respondido indo ao grupo mixto. "Decepcionamos daquela e non queremos decepcionar agora", alegou o portavoz dando a entender que tamén no Pazo do Hórreo a formación morada entorpece a traslación ao Parlamento das propostas políticas xenuínas da En Marea fundacional.

Flora Miranda abandona o Parlamento

A primeira reacción perante a fractura do grupo parlamentar fíxose pública apenas unha hora despois da conferencia de imprensa de Villares. No seu Facebook, Flora Miranda (Compostela Aberta) anunciaba que abandonará o Parlamento á conclusión do presente período de sesións.

"Ante a fractura do grupo parlamentar consolídase a quebra do proxecto político polo que apostei e no que estaba disposta a traballar: un proxecto que superase minifundios con altura, responsabilidade e madurez para traballar pola/coa xente. Entendo que non procede a toma de posicións, dado o contexto. O fracaso é colectivo", escribiu Miranda na rede social.

A parlamentar será substituída por quen ía no número 7 da candidatura por A Coruña, Xan Xove (Marea Atlántica).

No conflito arredor da candidatura para o Senado, Miranda posicionouse co grupo de Villares ao defender a opción de Mariló Candedo fronte á de José Manuel Sande.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/marea-consuma-sua-ruptura-apos-longo-proceso-pode-derivar-perda-dun-escano-senado/20190620181441081073.html


© 2019 Sermos Galiza