Imprimir

En Marea reivindica políticas para protexer o futuro da pesca

Redacción | 15 de maio de 2019

Senra e Villares na Coruña
Senra e Villares na Coruña

Luís Villares reivindica na Coruña “o modelo de cidade aberta ao mar da Marea Atlántica” de Xulio Ferreiro e denuncia que o PSOE non teña condonado a débeda do porto exterior do mesmo xeito que si ten feito con outras cidades do Estado.  

O mercado coruñés da Praza de Lugo recibiu a visita do portavoz de En Marea, Luís Villares, quen reivindicou unha dupla urxencia para Galiza. Por unha banda, a necesidade de desenvolver políticas destinadas a promover e protexer a pesca artesanal, e por outra banda esixiu ao Estado español a condonación da débeda do porto exterior da Coruña. Neste sentido, Villares afirmou que "aínda quedan por escoitar as explicacións do PSOE sobre a razón pola que non se condonou a débeda do porto da Coruña”, situación da que alertou por estar impedir “a construción do modelo de cidade aberto ao mar que reivindica a Marea Atlántica".

 

Por iso, que o voceiro de En Marea instou ao goberno central “a ter en conta as necesidades e a vontade da cidadanía da Coruña” e a proceder á condonación da débeda da Autoridade Portuaria, igual que se fixo recentemente coa de Valencia.

 

En canto á defensa da pesca artesanal, a candidata ao Parlamento Europeo pola Coalición En Marea-Compromiso por Europa, Lidia Senra, reivindicou a necesidade de políticas europeas que defendan e promovan a pesca artesanal. Un sector fundamental para Galiza cuxas necesidades se comprometeu a defender.

 

Senra reivindicou a necesidade de políticas europeas que defendan e promovan a pesca artesanal

 


"A pesca artesanal e a pequena escala é fundamental, e a Unión Europea ten que ter políticas específicas para protexer este sector", afirmou a actual eurodeputada, quen tamén denunciou o feito de que en nome da pesca artesanal se estean a impulsar normativas pensadas para as grandes frotas, “que realmente resultan moi negativas para o modelo artesanal”, esgrimiu.

 

Unha política pesqueira europea específica para protexer a pesca artesanal será a prioridade para a formación

 

Unha política pesqueira europea específica para protexer a pesca artesanal será a prioridade para a formación, segundo afirmou Senra. Apelou tamén a candidata a potenciar o consumo das capturas procedentes deste modelo de explotación a pequena escala no país, polo que enfatizou que "as administracións deben asumir a responsabilidade de abastecer os comercios públicos coas capturas deste modelo de pesca, e mercar no comercio local".



Villares quixo salientar de Senra durante a lexislatura europea a súa posición en favor do Corredor Atlántico Ferroviario que fixo viábel o porto exterior da Coruña como punto de referencia de mercadorías.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/marea-reivindica-politicas-protexer-futuro-da-pesca/20190515185351079661.html


© 2019 Sermos Galiza