Imprimir

María do Cebreiro, Bernardino Graña ou Berta Dávila, entre as novidades de Galaxia para o outono

Redacción | 04 de setembro de 2019

María do Cebreiro, Bernardino Graña e Berta Dávila, autoras que protagonizan a reentrada da editorial Galaxia no outono. Fotos: cedida.
María do Cebreiro, Bernardino Graña e Berta Dávila, autoras que protagonizan a reentrada da editorial Galaxia no outono. Fotos: cedida.
Veteranas e consagradas protagonizan a reentrada literaria da histórica editorial Galaxia para este outono. Antoloxías poéticas de María do Cebreiro e Fiz Vergara Vilariño, as novas obras narrativas de Xabier López ou Berta Dávila, e unha surtida nómina de libros dirixidos ao lectorado novo, entre eles un de Bernardino Graña, fan parte da oferta.

Herba de namorar é o título co que María do Cebreiro (Compostela, 1976) repasa 21 anos de poesía publicada desde que, en 1998, dese á luz O estadio do espello. Polo camiño deixou pezas fundamentais e inevitábeis da poesía galega recente como (nós, as inadaptadas) (2002), Os hemisferios (2006), Os inocentes (2014), O deserto (2015) ou o último Soños. Arquivos. Cartas (2018).

Acompáñaa na colección Dombate Non deixes que a tardiña me sorprenda, escolma de versos de Fiz Vergara Vilariño (Samos, 1953-1997), poeta que se deu a coñecer entre Os novisimos da poesía galega (1973) -editado por María Victoria Moreno e no seu día extremdamente polémico- e logo transitou un particular e danado camiño propio con pezas como Poeta muiñeiro á deriva (1982) ou Nos eidos da bremanza (1990), talvez o seu volume máis acabado.

No campo narrativo, Xabier López (Betanzos, 1974) achega 900, “novela río dunha saga familiar” segundo a definiu o xurado do premio Torrente Ballester 2018, outorgado pola Deputación da Coruña. Outro premio, o García Barros do Concello da Estrada, recoñeceu Carrusel, na que a autora Berta Dávila (Compostela, 1987) adéntrase no territorio da autoficción.

Memoria dunha experiencia asemblearia, do histórico dirixente socialista galego e despois militante de Compromiso por Galicia Miguel Barros (Cerdedo-Cotobade, 1944), Historia da vida cotiá en Galicia, de Xavier Castro (Cangas, 1954), A lingua das cantigas, de Pär Larson (Küngsangen, Suecia, 1959), O latexo dunha aula infantil, das Irmás Abelleira, e Ler en violeta, de Monste Pena Presas (Sada, 1981) son as propostas en ensaio.

 

Para as crianzas
A literatura infantil e xuvenil ocupa boa parte da alternativa da editorial para o derradeiro trimestre de 2019. Bernardino Graña (Cangas, 1932), cuxo labor como poeta foi crucial no século XX, entrega Lobísimo do saco. De Antonio García Teijeiro (Vigo, 1952), premio Nacional do Ministerio de Cultura en 2017 por Poemar o mar, chega Bicos e non balas. Outro poeta, Baldo Ramos (Celanova, 1971), intérnase nos libros para crianzas con Porque te quero. E Paco Martín (Lugo, 1940), a quen a literatura galega debe o célebre Das cousas de Ramón Lamote (1985), publicará O home que mercou un libro.

Haberá ademais títulos de María Canosa (Cee, 1978) -Candorcas e unicornios-, Xoán Babarro (Maceda, 1947) -Teño oito anos e quero ser youtuber-, Jordi Sierra i Fabra -O caso da cacatúa que falaba de máis-, Alberte Momán (Ferrol, 1976) -A viaxe de Ana-, Mar Guerra (Madrid, 1963) -Rimaletras- e Manuel Núñez Singala (Lugo, 1963) -Atranco no banco. A serie Sonárbore de libro-discos para pequenos e pequenas botará A fraga do meu avó de Mamá Cabra.

E Najla Shami canta en galego, árabe e castelán en Ela sabe a sol, o seu novo disco.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/maria-do-cebreiro-bernardino-grana-berta-davila-novidades-galaxia/20190904135752083688.html


© 2019 Sermos Galiza