Imprimir

Os María Luz Morales recoñecen investigacións sobre a muller no cinema

Redacción | 06 de Xuño de 2018

As autoras e autores premiadas nos María Luz Morales. Foto: Deputación de Lugo.
As autoras e autores premiadas nos María Luz Morales. Foto: Deputación de Lugo.

Por escrito ou en imaxes, os premios María Luz Morales da Academia Galega do Audiovisual recoñecen investigacións no ámbito do cinema e a televisión. Na súa segunda edición, veñen de distinguir achegas sobre o papel da muller nese mundo.
 

Organizados pola academia en colaboración coas catro deputacións -entregados esta terza feira na de Lugo-, os galardóns distinguiron Lucía Estévez (Vigo, 1994) como mellor Videoensaio do Audiovisual Galego por Muller Personaxe. Na peza, reflexiona “sobre o rostro feminino na pantalla galega”. Denisse Lozano (Vilalba, 1991) foi a que gañou o premio ao mellor Videoensaio do Audiovisual Internacional por Núas. Evolución da estética e o significado do nu feminino.

 

Na modalidade escrita, foi Marcos Nine (Illa de Arousa, 1977) quen se fixo co premio ao mellor ensaio por A Película de Autos, en que repasa a historia de Al nasr altair (1969), o filme de José Ernesto Díaz Noriega “obxecto de xuízo durante o franquismo” que montaba imaxes dunha homenaxe a un teniente de aviación franquista con frases publictarias en boca dos personaxes.

 

Fernando Redondo (Ames, 1971) compara en Latexos de Saudade no Cinema os filmes Dublineses (John Huston, 1987) e La La Land (Damien Chazelle, 2016). Valeulle o galardón de Ensaio Escrito Audiovisual Internacional. A maiores, o xurado dos María Luz Morales sinalou accésits para os traballos de Brais Romero (Ferrol, 1990), Éire García (Nigrán, 1991) e Sabela Rei (A Coruña, 1994).

 

María Luz Morales (A Coruña, 1889-Barcelona, 1990) foi unha “xornalista galega de referencia entre a intelectualidade española do século XX”, especializada na crítica de cinema e teatro. Foi, ademais, a primeira directora dun diario no Estado español: dirixiu La Vanguardia de Barcelona durante a Guerra Civil. Feminista e republicana, sufriu as represalias do franquismo.

 

Cada un dos premios está dotado con 1200 euros.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/maria-luz-morales-reconecen-investigacions-muller-cinema/20180605140237069491.html


© 2019 Sermos Galiza