Imprimir

María del Rosario López Sánchez gañou o Premio de Poesía Cidade de Ourense

Redacción | 06 de xullo de 2019

Concello de Ourense [Imaxe: Wikipedia]
Concello de Ourense [Imaxe: Wikipedia]

O xurado elixiu por unanimidade o poemario de López Sánchez nun certame no que concorreron até 49 autoras e autores da Galiza e Portugal.

A autora María del Rosario López Sánchez gañou o Premio de Poesía Cidade de Ourense. O xurado, que se reuniu na sexta feira 5 de xullo, elixiu o seu poemario como gañador de entre os 49 apresentador por participantes de toda a Galiza e Portugal.

Sobre os temas tratados na obra, o xurado salientou o autocuestionamento moi sincero da propia vida e da ética

O poemario de López Sánchez titúlase Álbum e foi enxalzado polas valoracións do xurado pola súa claridade nítida. A obra, engadiu,  ofrece unha estética clara e coherente onde na súa lectura, a lectora ou lector vaise imaxinando as imaxes que recrea.

Sobre os temas tratados na obra, o xurado salientou o autocuestionamento moi sincero da propia vida e da ética.

A decisión foi unánime e ademais, as e os membros do xurado valoraron moi positivamente a calidade de todas as persoas participantes. Precisamente, o xurado estivo composto polo alaricán Carlos da Aira, gañador da pasada edición; Celia Pereira, activista cultural; Rochi Nóvoa, poeta ourensá, e Mónica F. Valencia, Técnica de Normalización Lingüística do concello de Ourense.

O premio ten unha dotación económica de 6.000 euros e a publicación do libro.

O Premio de Poesía Cidade de Ourense chegou á súa 35 edición distinguindo de novo o mellor traballo inédito e orixinal escrito en lingua galega ou portuguesa.

O ano pasado Carlos da Aira gañou o premio coa obra ‘Prender os fachos, compoñer os ósos’ tamén por acordo unánime do xurado.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/maria-rosario-lopez-sanchez-ganou-premio-poesia-cidade-ourense/20190706152458081630.html


© 2019 Sermos Galiza