Imprimir

María Solinha contra o dragón

Daniel Salgado | 13 de agosto de 2019

Presentación en Cesantes (Redondela) do inicio da rodaxe de 'María Solinha', o novo filme de Ignacio Vilar (cuarto pola dereita) que protagonizan Grial Montes (quinta pola dereita) e Laura Míguez (terceira pola dereita). Foto: Deputación de Pontevedra.
Presentación en Cesantes (Redondela) do inicio da rodaxe de 'María Solinha', o novo filme de Ignacio Vilar (cuarto pola dereita) que protagonizan Grial Montes (quinta pola dereita) e Laura Míguez (terceira pola dereita). Foto: Deputación de Pontevedra.
O dragón -a coca- dorme nunha cova debaixo da Illa de San Simón. A cada pouco sae da gorida e secuestra unha moza. Até que os rapaces mariñeiros de Redondela deciden facerlle fronte e acaban coa ameaza. A lenda está de fondo no novo filme de Ignacio Vilar, María Solinha, cuxa rodaxe comeza o vindeiro 19 de agosto. Pero vai evidentemente máis alá.

“Temos un lema do filme”, explica Vilar a Sermos vía telefónica, “María Solinha é atacada polo mesmo dragón no século XVI e no século XXI”. A obra, con guión do propio Vilar, trata da opresión, e contará a historia “dunha muller libre, dunha muller loitadora”. A actriz debutante Grial Montes, de 22 anos, interpretará a Soliña. Canda ela, Laura Míguez, que fará da súa amiga, como Soliña acusada de bruxa e como Soliña queimada pola Inquisición.

Vilar presentou o inicio da rodaxe esta terza feira na lonxa de Cesantes (Redondela). Detrás, a praia e a Illa de San Simón, que serán escenarios “fundamentais” do filme. Como a propia Redondela, Cangas e Toraia. O que chama, en homenaxe ao fotógrafo francés Henri Cartier-Bresson, “intre decisivo” -a filmación- decorrerá do 19 de agosto ao 20 de setembro. Cinco semanas consecutivas, de segunda a sexta feira.

“Van ser cinco semanas intensas e a ver que nos depara o tempo. Sempre digo que a rodaxe é o intre decisivo porque ten moito que ver coa vida”, declara o director. María Solinha comezará a se materializar tres anos despois de xurdir como proxecto na cabeza de Ignacio Vilar. E seis meses despois de que o cineasta iniciase a busca de localizacións, paso para el central. “A partir das localización nace o filme”, confesa.

Con María Solinha, producida por Vía Láctea Films e a TVG como asociada -conta ademais coa subvención de Agadic e o apoio da Deputación de Pontevedra e os concellos de Cangas e Redondela-, Ignacio Vilar (Petín, 1951) continúa a construír unha narrativa cinematográfica inclinada cara á ficción popular. Sempre en galego. O seu anterior filme, Sicixia (2016), viuse en salas e auditorios de toda Galiza. Coa súa adaptación da Esmorga (2014) obtivo ademais o recoñecemento da crítica do Estado español. 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/maria-solinha-contra-o-dragon/20190813162839083086.html


© 2019 Sermos Galiza