Imprimir

Martín Romero: “Sigo sen vivir do cómic; é complicado facelo”

M.O. | 09 de agosto de 2015

Martin-Romero-festival-Vinetas-A-Coruna-300x300
Martin-Romero-festival-Vinetas-A-Coruna-300x300

Martín Romero (Xión, 1981) é o ilustrador galego convidado na XVIII edición de Viñetas desde o Atlántico, o salón do cómic da Coruña, que se inaugura esta segunda feira (10 de agosto). Estudou Deseño Gráfico en Lugo e Ilustración en Barcelona. A súa obra, con grande acollida en Francia, recibiu numerosos premios.

Que supón para vostede participar no salón do cómic?

Faime moita ilusión, máxime tratándose do salón do cómic da cidade de onde vivo. Véxoo como un recoñecemento á miña carreira e supón toda unha experiencia compartir espazo con autores e autores que admiro.

En que consiste o seu papel no salón do cómic?

Participarei nas actividades destinadas aos convidados e esta cuarta feira (13 de agosto) ofrecerei unha conferencia no Kiosko Alfonso. Da quinta ao sábado terán lugar as sesións de sinaturas e tamén o sábado participarei no festival de autoedición “Autobán”. Ademais, no Kiosko Alfonso presento a exposición máis grande que tiven a oportunidade de facer até o de agora.

Que traballos presenta na exposición?

Consiste nun breve percorrido desde o principio da miña traxectoria. Abrangue desde os traballos en fanzines, de cando empecei a debuxar ao redor de 2007, até as obras da actualidade, mesmo tres traballos que anda non saíron publicados. En canto aos estilos, expoño toda unha variedade de páxinas de cómic, serigrafías, ilustracións… Tamén hai partes do meu último traballo publicado aquí, “Episodios lunares”, pois xa fora publicado en Francia hai dous anos.

Que contan as historietas de “Episodios lunares”?

Recompila historias que creei do 2007 ao 2009 cun nexo en común: a perda. As historias falan de volver comezar e están tratadas con humor negro, sempre empapadas de fantasía.

Que destacaría da evolución da súa obra?

Penso que a evolución foi coherente. Tratei de pulir o que me gustaba e probei aspectos diferentes en cada proxecto, pero sempre na miña liña. Fun variando un pouco e formulándome novos retos: do branco e negro á cor, de historias curtas a historias longas, de historietas dunha páxina a historietas amplas… tratei de ir cambiando para non aburrirme. Gosto de propoñer novos e de traballar coa fantasía para falar de temas cotiás ou dun imaxinario fantasioso.

Estamos pasando por un momento con moita variedade no mundo da banda deseñada galega

Hai quen cualifica de poéticas as súas páxinas…

Pode ser, eu intento traballar moito coa fantasía e que a característica coa que debuxe un personaxe, por exemplo un monstro, teña unha aparencia física que fale da personalidade que lle quero dar. Supoño que a relación entre a idea e a representación gráfica poderá chamarse poético, mais eu non o considero unha influencia poética.

Tamén din que é un mestre da cor.

Leva bastante tempo elixir as cores e, ao final, sempre traballo cunha paleta moi reducida de cores á que trato de sacarlle o máximo partido. Busco cores particulares para cada historieta, pois a cor axuda a potenciar cada historia.

Por que cre que trunfa en Francia?

Non lle chamaría triunfo. Simplemente, en Francia os libros que fun publicando tiveron boa acollida e estou realmente satisfeito por iso. Porén, sigo sen vivir do cómic. É complicado facelo.  Centro o meu investimento no que é o cómic, mais vivo da ilustración. Agora concedéronme unha bolsa do Vegap (Visual Entidad de Gestión de Artistas Plásticos) e estou finalizando outro proxecto de cómic.

Como ve o mundo da banda deseñada en Galiza?

Véxoo ben porque hai moita actividade con moita xente nova que fai traballos interesantes- É de salientar a personalidade dos autores e autoras, moi diferentes entre eles. Estamos pasando por un momento con moita variedade no mundo da banda deseñada galega.

Cales son os seus próximos proxectos?

Rematei un cómic pequeniño “Lost horizon” para una pequena editorial canadense que sairá publicado ao longo deste ano no Canadá. Estou traballando noutro cómic coa axuda do Vegap. Vai ser longo pero espero rematalo en breve.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/letras-e-ideas/martin-romero-sigo-vivir-do-comic-complicado-facelo/20150809090959039844.html


© 2019 Sermos Galiza