Imprimir

May admite carecer de apoios suficientes para volver someter a votación o Brexit

Redacción | 25 de marzo de 2019

Theresa May, na Cámara dos Comúns
Theresa May, na Cámara dos Comúns

A primeira ministra británica, Theresa May, vén de admitir que na actualidade non conta cos apoios suficientes para someter a unha terceira votación no parlamento o Brexit.

Nunha intervención na Cámara dos Comúns esta segunda feira, a primeira ministra británica, Theresa May, puxo de manifesto que “con gran pesar, cheguei á conclusión de que tal e como están as cousas aínda non hai apoio suficiente na Cámara para volver someter o acordo a unha terceira votación significativa”.

 

Aínda así, asegurou que segue a manter conversas con membros da cámara para construír apoios e levar o acordo a votación esta semana co fin de garantir o Brexit.  “Se non podemos, o Goberno comprometeuse a atopar unha maioría ao redor dunha vía para avanzar”, sinalou. O mellor camiño é, segundo a dirixente, que o Reino Unido marche cun acordo da UE o próximo 22 de maio.

 

May explicou que as alternativas ao seu plan pasan por atopar outra fórmula que faga posíbel un Brexit ordenado ou un segundo referendo.

 

“Se a Cámara non aproba o acordo esta semana e non está preparada para ver o Reino Unido marchar sen un acordo quererá dicir que haberá unha prórroga longa, que deberá participar nas eleccións europeas e que non terá as garantías dun Brexit”, salientou.

 

Durante a quenda de réplica, o líder da oposición, o laborista Jeremy Corbyn, acusou May de “ignorar grandes partes do país” e aludiu ás manifestacións masivas que decorreron en Londres a pasada fin de semana nas que se pedía que se detivese o Brexit”.

 

“Agora que admitiu que non lle saen os números, aceptará que o acordo está morto e que é unha perda de tempo dar a mesma resposta por terceira vez?”, inquiriulle Corbyn a respecto dunha posíbel terceira votación sobre o Brexit.

 

Datas chave

 

A pasada quinta feira, os xefes de Estado e de Goberno da UE acordaron por unanimidade conceder unha pequena prórroga ao Brexit até o 22 de maio coa condición de que a Cámara dos Comúns aprobe o acordo de retirada.

 

O texto dos 27 recolle que se non se aproba ese acordo de retirada o Consello Europeo aceptará unha prórroga até o 12 de abril e espera que o Reino Unido comunique unha vía para avanzar antes da data para poder estudala.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/internacional/may-admite-carecer-apoios-suficientes-volver-someter-votacion-brexit/20190325194911077397.html


© 2019 Sermos Galiza