Imprimir

Medicina revoluciona os campus da USC

Redacción / EP | 08 de novembro de 2019

Terceira xornada de folga na facultade de Medicina (ARXINA).
Terceira xornada de folga na facultade de Medicina (ARXINA).

O éxito acadado polo alumnado de Medicina en tres días de folga alentou a mobilización doutras organizacións estudantís da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que buscan defender os intereses colectivos das estudantes ante as «ineficacias» estruturais.

As reivindicacións do alumnado de Medicina avivou o movemento asembleario noutras facultades do campus.

O pulso que dende hai catro días lle bota a Asemblea Aberta de Medicina á organización do seu centro de estudos espertou o interese doutras organizacións estudantís para dar a coñecer deficiencias estruturais que, segundo din, afectan á súa vida académica pero van máis aló das propias facultades.

A Asemblea Aberta de Comunicación reuniuse esta quinta feira para alentar as compañeiras de Medicina na súa loita contra as «incoherencias» do seu plan de estudos e, ao mesmo tempo, avaliar as os defectos académicos e materiais do seu propio contorno formativo.

A Asemblea Aberta de Bioloxía xuntopuse coa de Farmacia para poñer de manifesto que as queixas do estudantado de Medicina non son alleas noutras facultades. «A carga horaria, as clases presencias e as actitudes despectivas» tamén se dan en Bioloxía. Pola súa banda, a  Asemblea de Maxisterio reunirase a semana vindeira para denunciar a falta crónica de persoal docente.

Xornada de reflexión

Esta onda de solidariedade deixouse sentir con máis forza durante a terceira xornada de folga indefinida e de reflexión, que o estudantado de Medicina aproveitou para revisar algunhas das propostas que as súas delegadas acordaron co equipo decanal e de coordinadores docentes.

Agora buscan o asesoramento dun equipo xurídico que garanta a creación «dun documento perfectamente legal e con compromisos firmes» para que todo o seu labor «non sexa en balde». As representantes estudantís compartirán as conclusións desta reunión nunha asemblea que terá lugar esta sexta feira e que marcará o futuro do paro indefinido.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/medicina-revoluciona-campus-da-usc/20191107181504086504.html


© 2019 Sermos Galiza