Imprimir

Un médico do Sergas a unha paciente: “Non fales en galego”

M.O. | 09 de Febreiro de 2019

Un centro de saúde
Un centro de saúde

Chegan a unha consulta do seu médico de cabeceira do Sergas e este dilles “Non fales en galego, que o falas fatal”, “Nótase o teu acento de cidade” ou “Tes que pór acento paleto”. Non é brincadeira de ningún tipo, aconteceulle a unha veciña de Vigo de 29 anos que vén de solicitarlle ao Sergas o cambio de facultativo.

Máis un caso de vulneración de dereitos lingüísticos na Administración galega segundo denuncia unha veciña de Vigo de 29 anos que vén de reclamarlle ao Sergas o cambio de médico despois de que o doutor que tiña adscrito a instara a non falar en galego.

 

"Díxome: Tes que pór acento paleto"

 

“Facéndolle unha consulta seria sobre os meus problemas de saúde e esperando un trato profesional limitado ao tema da saúde, díxome: Non fales en galego, que o falas fatal. Nótase o teu acento de cidade. Tes que pór acento paleto”, explicou a afectada nas redes sociais. “Tantos anos viaxando polo mundo e falando varias linguas e que sexa no meu propio país onde me din isto…”, lamenta.

 

A usuaria, que lle confirmou os feitos a Sermos Galiza, dedícase á investigación e á divulgación da cultura galega, “levo toda a vida viaxando, falo varios idiomas”, di, “e é a primeira vez que me critican como falo, ademais no meu propio país”. “Paréceme unha falta de respecto como cidadá galega, como persoa e, sobre todo, como paciente”, engade.

 

“Paréceme unha falta de respecto como cidadá galega, como persoa e, sobre todo, como paciente”

 

“Acudín á consulta con todo o respecto do mundo polo seu traballo e agardando un trato profesional. Espero dun profesional da saúde o mesmo: respeito e profesionalidade. Non por ser unha rapaza nova ten dereito a tomar confianzas que eu non lle dei”, salienta a afectada en relación ao médico que a atendeu.

 

"Nunca vin tal cousa fóra de Galiza"

 

Consultada por Sermos Galiza, esta muller pon de manifesto que decidiu facer pública a súa reclamación "para visibilizar a exclusión que sufrimos quen falamos en galego". "Por falar galego non teño por que dar explicacións mentres o meu interlocutor me entenda e mentres me dirixa a el con educación. Que a outra persoa sexa médico, o teu profesor ou o teu xefe non implica que teña dereito a criticarte ou a falar de algo que non sexa relacionado co seu propio traballo", advirte.

 

Esta usuaria do Sergas anima as persoas que sofren discriminación lingüística a denunciaren os seus casos, "interésame que a persoa neofalante non se sinta mal nin se avergoñe", salienta. A raíz de facer o seu caso público nas redes sociais, a muller recibiu numerosos apoios, "vexo unha reacción moi boa e iso é un bo sinal". "Penso que a xente se sente identificada co que aconteceu", engade. Esta viguesa, que viviu en distintos países, sinala que "nunca vira tal, ninguén ten contra a súa lingua os prexuízos que se dan aquí por razóns políticas e sociais determinadas".

 

A denuncia pública desta muller chega na mesma semana en que A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou que a meirande parte dos casos de vulneración de dereitos fundamentais recollidos na Liña do Galego corresponden á Administración pública.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/lingua/medico-do-sergas-doente-tes-poner-acento-paleto/20190209164652075909.html


© 2019 Sermos Galiza