Imprimir

A Mesa di que os datos do IGE “constatan a falta de liberdade para vivir en galego”

Redacción | 27 de setembro de 2019

Membros da Mesa pola Normalización Lingüística, entre eles o seu presidente Marcos Maceira. Foto: A Mesa.
Membros da Mesa pola Normalización Lingüística, entre eles o seu presidente Marcos Maceira. Foto: A Mesa.
“Os resultados da enquisa sobre uso habitual e inicial do galego do IGE constatan a falta de liberdade para vivir en galego con normalidade”. Así resume A Mesa pola Normalización Lingüística a súa valoración sobre os datos da enquisa aos fogares a respecto da lingua que este 27 de setembro publicou o instituto público.

“Consolídase a perda continuada de falantes, especialmente no ámbito urbano, e máis a diglosia nas relacións sociais, cunha importante baixada do número de persoas que emprega só o galego en servizos docentes, sanitarios, administrativos, bancarios ou comerciais”, sinala a asociación, para a que a situación non é de recibo nunha lingua oficial como o galego.

A Mesa salienta sobre dúas cifras, referidas á infancia. O 30,04% da rapazada entre 5 e 15 anos non saben escribir galego e o 23,9%, non o saben falar. “Todo isto sucee pola vulneración de dereitos lingüísticos e pola exclusión do idioma de Galiza de grande parte dos ámbitos de uso”, explica o seu presidente, Marcos Maceira.

Maceira entende que os datos da enquisa refrendan “a efectividade do decreto contra o galego” e lembra a oposición ao mesmo de asociacións de nais e pais, organizacións sidicais, movementos de renovación pedagóxica ou o comité de expertos do Consello de Europa para a Carta das Linguas. Tamén emitiron no seu posicionamentos á norma do primeiro goberno de Núñez Feixoo a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega.

“A única maneira de reverter esta situación”, insiste A Mesa, “é garantindo o galego como lingua vehicular do ensino, posibilidade anulada polo Partido Popular con consecuencias terríbeis para o alumnado galego”.

Vontade contra o real
A asociación encabezada por Marcos Maceira celebra con todo “a vontade dunha importante parte da poboación galega por manter o uso da súa lingua”, que contrasta coa realidade da presenza do galego en ámbitos como a programación televisiva infantil -apenas no 4%-, nos xogos e xoguetes -un 0,6%-, a xustiza -o 5%-, os seguros -o 1%- ou o ensino infantil nas cidades -un 8%.

“A presenza e o tratamento do galego na Galiza, incluído o ensino, é o dunha lingua estranxeira. Só as persoas galegofalantes se ven forzadas a mudaren de lingua”, considera Marcos Maceira, “é este o equilibrio do que se gaban o PP e o presidente da Xunta?”.

A Mesa pola Normalización tamén sinala, porén, os focos de “resistencia activa” á imposición do castelán. E remata cun chamado en positivo: “O único amparo ás e aos galegofalantes provén da propia sociedade, de centos de entidades sociais, entre eles a Mesa, que ofrece o único servizo de atención a queixas, consultas e parabéns relacionadas co uso do galego, A Liña do Galego. O mantemento e crecemento desta conciencia e da mobilización social ampla a favor do galego é a garantía de futuro para a lingua”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/lingua/mesa-di-datos-do-ige-constantan-falta-liberdade-vivir-galego/20190927140258084508.html


© 2019 Sermos Galiza