Imprimir

A Mesa ironiza sobre a imposición do galego no Día dos Enganos

Redacción | 01 de abril de 2019

Manifestación de Queremos Galego o pasado ano. Foto: cedida.
Manifestación de Queremos Galego o pasado ano. Foto: cedida.

Unha campaña de carteis “que se repartirán por diferentes localidades de Galiza” serviralle á Mesa pola Normalización Lingüística para denunciar a “imposición do galego”. Eis a proposta da asociación para o Día dos Enganos, que se celebra o 1 de abril.
 

Cartaz_Imposicion

“O ensino infantil en galego nas cidades non supera o 8%, non existen máis dun 0,6% de xoguetes en galego e o 22,7% das nenas e nenos galegos de entre 5 e 14 anos non saben falar na súa propia lingua”, afirma a entidade nun comunicado, “non hai diarios impresos en galego, só o 4% das canles de televisión que recibe a cidadanía galega recollen a súa lingua, as sentenzas en galegon supoñen un 5% do total e as pólizas de seguro en galego, un 1%”.

 

Estas son as cifras da “imposición” do galego que denuncian algunhas forzas políticas de derita e extremistas e coas que ironiza A Mesa pola Normalización. Segundo o seu presidente, Marcos Maceira, os números “evidencian a ausencia absoluta de liberdade para o uso do galego por falta de dispoñibilidade”.

 

“Unha clara inferioridade de condicións que impide vivir en galego con toda normalidade”, asegura Maceira, “en igualdade e liberdade”. O Estado conta con máis de 500 disposicións legais sobre a presenza do castelán sen ter nin sequera en conta que o galego existe”. É por iso que o “discurso da imposición tan utilizado polo PP” é, para o dirixente, a máscara do intento de “reducir a cero a xa precaria presenza do galego”.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/lingua/mesa-ironiza-imposicion-do-galego-dia-enganos/20190401134631077631.html


© 2019 Sermos Galiza