Imprimir

A Mesa participa na cimeira alternativa ao G7 en Hendaia

Redacción | 20 de agosto de 2019

Presentación do 'Protocolo para a garantía dos dereitos lingüísticos' en 2016. Foto: A Mesa pola Normalización Lingüística.
Presentación do 'Protocolo para a garantía dos dereitos lingüísticos' en 2016. Foto: A Mesa pola Normalización Lingüística.
A cimeira alternativa á xuntanza en Biarritz do G7 decorrerá entre o 21 e o 23 de agosto. Nela tamén participará A Mesa pola Normalización Lingüística, no debate Os dereitos lingüísticos como base para unha nova Europa. Será esta cuarta feira en Hendaia.

A discusión comezará ás catro e media da tarde na sala cine Escuelas e contará coa participación de Haizpea Abrisketa de Euskararen Gizarte Erakundeen Kontseilua; de Micheli Leccia, de Parlemu Corsu; e mais de Marcos Maceira, da Mesa, pero por videoconferencia. A mesa redonda versará arredor do Protocolo para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos.

Desde Galiza, o presidente da Mesa Marcos Maceira referirase á “importancia dos actores sociais na defensa dos dereitos lingüísticos”, mencionará a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) polos dereitos lingüísticos no “ámbito socioeconómico” e explicará a Guía para o uso do galego na Administración local (2019-2023) entregada pola entidade a 3700 concelleiras e concelleiros dos 313 municipios do país.

O citado Protocolo que centrará o debate apóiano 120 organizacións sociais de 30 comunidades lingüísticas e consiste nunha “proposta política conxunta para a recuperación das linguas minorizadas e para unha xestión axeitada e democrática das linguas en Europa”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/lingua/mesa-participa-cimeira-alternativa-ao-g7-hendaia/20190820162455083245.html


© 2019 Sermos Galiza