Imprimir

Miles de persoas defenden en Compostela o 1-O: “A loita de Catalunya é tamén a nosa loita”

X.M.Piñeiro | 30 de setembro de 2017

A manifestación, convocada pola Plataforma Galiza con Catalunya, reuniu varios miles de persoas, que deixaron pequena a Praza de Praterías e rúas adxacentes. “Asistimos a un estado de excepción non declarado”, denunciaron os convocantes, que defenderon o dereito de autodeterminación.

Miles de persoas marcharon este sábado en Compostela na véspera do 1-O para defender un referendo convocado a máis de mil quilómetros de distancia. As cifras de asistentes a esta mobilización convocada pola Plataforma Galiza con Catalunya bailaban entre as cinco e as oito mil persoas, segundo a quen se consultase. En todo caso, moita xente. Tanta que o punto de finalización da marcha, Praza de Praterías, axiña ficou pequena e as persoas da organización tiveron que recomendar ás moitas persoas que quedaban sen entrar que bordeasen a praza por rúas adxentes.

galzia con catalunya4

“Eu apoio o referendo” era a palabra de orde que figuraba en cartaces, autocolantes e faixas. Tamén “Independencia”, nunha das pancartas que abrían a marcha e precedida por unha estelada e unha bandeira galega. “O que pedimos é que permitan o exercicio democrático de meter o voto nunha urna”, dixo Óscar Valadares, un dos voceiros da plataforma. “Defendemos o dereito de autodeterminación para todos os pobos”, engadíu. De por parte, Ana Pontón, do BNG, dixo que a mobilización era unha “resposta de todos os que loitan pola liberdade e a democracia”, defendendo o dereito a votar dos cataláns. Xosé Manuel Beiras sinalou que .estabamos “nun estado de expeción” e dixo que ante esta situación “non se pode ser neutral”. 

 

“Votar non é ningún delito”

 

A manifestación partiu da Alameda ao mesmo tempo que menos dun cento de persoas se concentraban a uns centos de metros, na Praza do Obradoiro, na defensa da unidade de España e contra o referendo, chamadas por -emtre outros- Galicia Bilingüe e Vox. Ao berro de “Galiza e Catalunya, solidariedade”, as miles de persoas que secundaban a chamada en defensa do 1-O chegaron até a Praza de Galiza, onde “a solución, autodeterminación” e “votar non é ningún delito” se converteron nas palabras de orde máis coreadas.

galzia con catalunya 3

“Liberdade de expresión”, “Independencia”, “Estado español, estado policial” ou o xa clásico “Votarem” foron outras das consignas coreadas e cantadas nun ambiente de reivindicación e festa que se estendeu polas rúas da zona vella onde transitaba a mobilización. Ao paso da marcha, algúns aplausos e tampouco faltou algún que outro “Viva España” berrado con máis anoxo que repercusión.

 

“Artigo 155 pola porta de atrás”

 

A maré de xente desembocou en Praterías, para sorpresa de peregrinos que gardaban fila para entrar na Catedral. Alí foi onde se deu leitura ao manifesto por parte da escritora Eli Ríos, Vitor Vaqueiro,escritor; a activista Elvira Souto e Suso Seixo, da Fundación Moncho Reboiras.

 

“A situación política en Catalunya é de máxima excepcionalidade”, comezaba o manifesto, pasando a enumerar o acontecido nestas semanas, desde rexistros de imprentas e medios de comunicación á investigación de 750 alcaldes, o feche de webs ou o desprazamento de miles de efectivos policiais a Catalunya. “Asistimos a un estado de execpción non declarado, e á aplicación do artigo 155 da constitución pola porta de atrás”.

catalunya faliza indepe

“Son accións profundamente reaccionarias e antidemocráticas”, afirmaban, que amosan que o Estado español “demóstrase incapaz de permitir calquera exercicio democrático real”, lembrando como en Galiza se viviron “ilegalizacións de ideas”.

 

“A loita do pobo catalán é tamén a nosa loita”, concluía o manifesto, que mandaban unha “mensaxe de solidariedade, de apoio e de ánimo” a Catalunya.  No tramo final, actuou Roberto Sobrado, e Jasper de Nao e Warren interpretaron L’Estaca. Cantouse o Himno Galego e, para poñer o ramo, unha votación simbólica ao pé da Caradral compostelá

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/miles-persoas-defenden-compostela-1-o-loita-catalunya-tamen-nosa-loita/20170930141841061827.html


© 2019 Sermos Galiza