Imprimir

O ministerio decreta alerta sanitaria por listeriose na Galiza

Redacción | 20 de agosto de 2019

carne mechada
carne mechada

Após os casos de listeriose acontecidos en varios puntos de Andalucía e un caso rexistrado en Estremadura debido ao consumo da carne mechada da empresa La Mechá, o ministerio de Sanidade decretou a alerta sanitaria no Estado e tamén na Galiza.

16 de agosto foi decretada a alerta sanitaria segundo vén de confirmar o ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social debido aos varios casos de listeriose detectados en Andalucía máis un rexistrado en Estremadura, onde ademais figuran catro máis sospeitosos. Así o asegurou a ministra en funcións, María Luisa Carcedo esta terza feira 20 de agosto, quen confirmou que a alerta sanitaria se estendeu a todo o Estado e a Galiza.

A ministra sinalou que os produtos causantes da listeriose, a carne mechada comercializada pola empresa La Mechá, comezáronse distribuír en maio e chegaron a Andalucía, Estremadura, Castela A Mancha e Tenerife.

A alarma sanitaria foi decretada en todo o Estado ao teren "sospeitas" de que os produtos se puideron distribuír alén de Andalucía

A ministra confirmou en declaracións á Cadena SER que a alarma sanitaria foi decretada en todo o Estado ao teren "sospeitas" de que os produtos se puideron distribuír alén de Andalucía, polo que se ordenou a retirada de todos os lotes desa carne en todo o Estado.

"Retiráronse todos os lotes da empresa La Mechá desde o mes de maio, porque tiña tres meses de caducidade. Todo o producido nese período está inmobilizado", insistiu a ministra.

Sobre o que puido fallar para que chegase ao público esta carne contaminada, apuntou que "ese é o asunto no que se ten que centrar agora toda a rede".

A listeriose é unha enfermidade de orixe alimentaria que se prodúcese debido á contaminación fecal dos alimentos ou dos útiles e superficies empregados na súa manipulación. Crece tamén nas superficies máis agochadas das máquinas utilizadas na industria alimentaria, nas paredes e esquinas das cámaras de conservación e nos canos de condución de auga. Algúns dos alimentos susceptíbeis de contaminarse son o leite e os lácteos, así como as aves de curral e os ovos.
Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/ministerio-confirma-decretou-alerta-sanitaria-listeriose-todo-estado/20190820114706083230.html


© 2019 Sermos Galiza