Imprimir

O ministerio convoca un premio para traballos universitarios do Estado só en castelán

Redacción | 04 de setembro de 2019

Detalle da información sobre o Certame Arquímedes que ofrece o web do Ministerio de Educación.
Detalle da información sobre o Certame Arquímedes que ofrece o web do Ministerio de Educación.
O Certame Arquímedes ten como obxectivo “fomentar a investigación científica entre os estudantes universitarios premiando os mellores traballos de investigación en todas as áreas do coñecemento levados a cabo por alumnos de grao e mestrado das universidades españolas”. Convoca o Ministerio de Educación e exclúe as linguas cooficiais do Estado: “O traballo de investigación debe estar redactado en castelán”.

O galardón diríxese a “estudantes universitarios matriculados durante o curso 2018-2019 en universidades españolas que impartan titulacións oficiais” matriculados “en estudos de grao e mestrado”. As investigacións susceptíbeis de seren premiadas poden proceder das áreas das ciencias biolóxicas e biomédicas, das ciencias experimentais, exactas e ambientais, das ciencias sociais e humanidades ou de enxeñaría e arqitectura. O que non poden é estar nin en galego, nin en catalán, nin en euskera.

E iso que o ministerio reparte 25 premios con dotación económica, catro estancias en centros de investigación e cinco premios a titores. O prazo de presentación rematou o pasado 19 de agosto. Nesta ligazón atópanse as bases completas: http://www.educacionyfp.gob.es/servicios-al-ciudadano/catalogo/estudiantes/premios/universitarios/certamen-universitario-arquimedes.html#dg1

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/lingua/ministerio-convoca-premio-traballos-universitarios-do-estado-so-castelan/20190904165042083696.html


© 2019 Sermos Galiza