Imprimir

“Moito do que reivindicamos hai trinta anos segue en vigor”

Irene Pin | 04 de agosto de 2019

[Imaxe: Cedida]
[Imaxe: Cedida]

Anxo Queiruga, presidente de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), fai balance dos últimos catro anos á fronte da organización e subliña os retos que o agardan no cargo que vén de renovar. Entre eles, destaca as necesidades de dous colectivos que sofren dupla discriminación: as mulleres con discapacidade e aquelas persoas que por viviren no rural enfrontan maiores dificultades na súa vida cotiá. Nesta conversa -publicada no número 357 do semanario en papel Sermos Galiza e cuxo extracto podes ler baixo estas liñas- afirma que o modelo de Cogami é único, colocando a persoa sempre no centro.

m_5_EntrevistaCogamiQue destacaría dos seus últimos catro anos á fronte de COGAMI?

Fomos quen, buscando outras alternativas de financiamento, de vir aguantando a crise, sen perder na prestación de servizos. E tamén de dar un impulso importante ás políticas cara ás mulleres e nenas con discapacidade. Aí creo que avanzamos, non ao ritmo que nos gustaría, mais foi algo que de maneira transversal estivo na nosa maneira de facer. Igual que o achegamento dos servizos ás persoas con discapacidade que viven no rural. Sempre defendemos ter unha asociación de ámbito comarcal que preste servizos en todos os concellos da comarca. Eu, que presido a confederación estatal desde hai tres anos, percibo que en todo o territorio non hai dúas COGAMI, co modelo e a filosofía que temos, poñendo o centro de atención na persoa. Síntome orgulloso do noso equipo humano, que recibe un salario polo seu traballo pero, á parte, hai militancia.

Na anterior candidatura dábaselle importancia á recuperación de estabilidade da organización, resentida durante a crise económica. En que afectou esta situación ao seu labor?

Axudou a tecer máis rede, a ensamblar bastante máis esa proximidade de COGAMI co movemento asociativo. Estivemos cada día a carón das nosas entidades, para axudalas a optimizar os recursos. Iso deunos moito máis coñecemento da súa realidade cotiá. Debemos ter en conta que as caixas financiaban un número importante de programas sociais, e ese recurso desapareceu dun día para outro. Polo tanto houbo que reconducir, buscando pequenas fontes de financiamento. Logramos que as catro deputacións se involucrasen máis e tamén obtivemos apoio desde Europa, onde COGAMI sempre tivo unha presenza importante.

Vostede foi responsábel do Servizo de Intermediación Laboral, que funciona como unha axencia de colocación para persoas con discapacidade. Apréciase neste eido un avance na inclusión?

Temos un hándicap importante nas políticas activas de emprego. Parece que se manteñen os números en centros especiais, pero no emprego ordinario retrocedeuse. A inactividade das persoas con discapacidade triplica á das persoas que non teñen discapacidade, e a taxa de desemprego case a duplica. Polo tanto, algo falla. Nós chegamos a ter case 3200 insercións anuais, pero manter un servizo de emprego coma o noso, con 50 profesionais cun saber facer que non ten ninguén, é complicado. Malia que perdermos practicamente un 50% do financiamento, foi unha aposta decidida de COGAMI seguir con el.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no número 357 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/moito-do-reivindicamos-hai-trinta-anos-segue-vigor/20190731142120082643.html


© 2019 Sermos Galiza