Imprimir

O momento de facernos valer. Cinco ideas

Ana Pontón | Portavoz nacional e candidata do BNG á presidencia da Xunta

Sermos Galiza | 08 de novembro de 2019

1. No BNG dixemos desde o día en que se convocaron que estas eleccións -ás que chegamos como resultado da irresponsabilidade e frivolidade dunha esquerda española na que pesan máis os egos, o tacticismo e a falta de altura política que a atención ás necesidades e demandas sociais- tiñamos que as converter colectivamente nunha oportunidade para Galiza. Nesas estamos. Trátase de conseguir, o vindeiro 10 de novembro, que o noso país volva ter unha voz propia no Congreso e volva existir politicamente no Estado. Cataláns, vascos, canarias, valencianas, cántabros… van estar en Madrid, e Galiza non pode ser menos. Máis aínda nunha lexislatura en que van estar a debate cuestións claves do modelo territorial e económico do Estado, que nos van afectar directamente como galegos e galegas na nosa vida cotiá.

2. Para a sociedade galega é moi importante ter presente, cando se vaia votar o vindeiro 10 de novembro, cal foi historicamente o comportamento dos partidos políticos españois, tanto de esquerda como de dereita, con respecto a Galiza. Temos moi fresco o exemplo dos últimos anos: houbo cambio de goberno en Madrid, pasouse do PP de Rajoy ao PSOE de Sánchez, mais o agravio, o maltrato e a discriminación do Goberno central a Galiza mantívose. O exemplo máis claro: os Orzamentos Xerais do Estado. Uns orzamentos do PSOE co apoio de Unidas Podemos que discriminaban de forma escandalosa ao noso país: mentres na maior parte de territorios do Estado aumentaban os investimentos, en Galiza baixaban máis dun 20%. PP, PSOE, Podemos, o que nos ofrecen como galegas e galegos non é cambio, é alternancia. Alternancia no maltrato e na discriminación á nosa sociedade. 

3. No BNG móvenos Galiza. Móvenos construír unha Galiza mellor para todas as galegas e galegos, unha Galiza mellor para as persoas que no noso país padecen a precariedade e loitan por chegar a fin de mes, para a mocidade obrigada a emigrar, para as traballadoras e traballadores con medo a perderen o seu medio de vida, para a nosa xente maior que teñen as segundas pensións máis baixas do Estado. A foto da Galiza real é esta, e non a que a TVG convertida en TeleFeixóo polo PP quere debuxar cada día. Non podemos, como país, dar por boa esta realidade, nin resignarnos a ela. Mais cómpre explicarmos, como nacionalistas, que a receita para que a realidade de Galiza mude de verdade non pasa polos cambios políticos en Madrid, senón polo cambio do noso comportamento político e social como galegos e galegas. A receita está en nós, en facernos valer como pobo. Velaí a chave, a aplicar en todo. Con propostas e con medidas factíbeis, serias e que transformarían a mellor a nosa realidade, como as que o BNG propón: unha banca pública galega para as nosas familias, empresas, pemes e persoas autónomas, cun novo modelo de financiamento, cunha tarifa eléctrica propia, cunha aposta clara e decidida pola defensa do emprego industrial e polo I+D+i, cun plan retorna para a mocidade emigrada…

4. Somos unha forza política seria, solvente, dialogante e responsábel. Coas ideas claras e con capacidade para transformar as nosas ideas en realidades que melloran a vida das e dos galegos. Un BNG ao servizo do noso país e cun proxecto destinado á grande maioría social que hoxe en Galiza necesita vivir nun país mellor, que lle ofreza traballo, dereitos, benestar, futuro. E somos tamén un BNG que medra, que ilusiona e que suma. Vímolo ben nesta campaña, en que cada día concitamos novos e significativos apoios para conseguir que Galiza volva ter voz propia no Congreso.

Somos conscientes de que, máis alá das dinámicas electorais, estamos construíndo no día a día o proxecto amplo do nacionalismo do século XXI, un proxecto ambicioso, plural, que confía no noso pobo e lle ofrece un novo proxecto de desenvolvemento, modernización e prosperidade, desde o exercicio das plenas capacidades para decidir no noso. E o domingo 10 de novembro xogámonos tamén poder dar un paso adiante decisivo para avanzar nese camiño, convertendo a autoestima, o amor polo noso, o orgullo de sermos unha nación viva e con identidade propia e a confianza nas capacidades e recursos do país nun comportamento político e electoral que proxecte, cara dentro e cara fóra, a existencia da nosa sociedade e exercite a defensa dos nosos intereses.

5. Remato cunha apelación. O 10 de novembro é o momento de votar con orgullo, con autoestima e con confianza en nós. De votar como galegas e galegos. O momento de facernos valer. Eu sei que posiblemente nestas últimas horas antes da xornada electoral hai aínda moitas persoas que dubidan. Persoas que noutros momentos votaron por outras forzas, ou que simpatizan co BNG pero nunca deron o paso de nos votar, ou que nos apoiaron en abril para o Senado pero non para o Congreso. Eu quero dirixirme a todas elas para pedirlles que confíen no BNG e que o domingo collan, con ilusión e con orgullo, unha papeleta que significa moitas cousas: voz propia, defensa dos nosos intereses, autoestima como pobo, suma para políticas de esquerda, diálogo e responsabilidade na forma de facer política, defensa das liberdades e dos dereitos de todas as persoas e freo en Galiza á dereita estrema e ultraespañolista.

O futuro diferente e mellor que todas e todos queremos podemos comezar a construílo hoxe, con voz propia, facéndonos valer. Estou convencida de que estamos no bo camiño, de que o domingo 10 é o momento de dar un gran paso adiante. Xuntas e xuntos, con ilusión e con decisión, conseguirémolo.

Desta vai!

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/ana-ponton/momento-facernos-valer-ideas/20191107211704086525.html


© 2019 Sermos Galiza