Imprimir

Morre Pilar Vázquez Cuesta, catedrática de portugués da Universidade de Compostela

Redacción | 07 de marzo de 2019

Pilar Vázquez Cuesta durante unha entrevista na Rádio Televisão de Portugal co escritor Eduardo Paulo Coelho. Foto: cedida.
Pilar Vázquez Cuesta durante unha entrevista na Rádio Televisão de Portugal co escritor Eduardo Paulo Coelho. Foto: cedida.

Pilar Vázquez Cuesta, catedrática de portugués na Facultade de Filoloxía da Universidade de Compostela, morreu o pasado 6 de marzo. Contaba 93 anos e un infatigábel labor de investigación e divulgación das culturas brasileira e portuguesa.
 

Ademais de volumes como Gramática portuguesa (1946), A poesía portuguesa actual (1976) ou A língua e a cultura portuguesa no tempo dos Filipes (1986), Vázquez Cuesta tamén dedicou os seus esforzos de filóloga á obra de ilustres autoras galegas, entre outras Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Eduardo Blanco Amor, Otero Pedrayo ou Ramón Cabanillas.

 

A profesora e filóloga nacera en Chantada en 1926. A súa nai, Modesta Cuesta, foi a primeira muller licenciada en Farmacia na universidade galega. O seu pai, Daniel Vázquez, deputado pola ORGA nas Cortes constituíntes da II República. Pilar Vázquez Cuesta titulouse en 1946 na Complutense de Madrid.

 

No 76 comezou como docente, tras gañar a oposición, de lingua e literatura portuguesas na Universidade de Salamanca e, a partir de 1982, como catedrática en Compostela. Despois de 1991, data da súa xubilación, continuou ligada a esta institución como profesora emérita.

 

Doutora Honoris Causa pola Universidade de Lisboa e medalla Castelao da Xunta de Galiza en 1996, foi ademais tradutora ao castelán de escritoras e escritores portuguesas e brasileiras.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/morre-pilar-vazquez-cuesta-catedratica-portugues-da-universidade-compostela/20190307140223076825.html


© 2019 Sermos Galiza