Imprimir

Ou mudamos a forma de comer ou pomos o planeta en perigo

X.M. | 08 de agosto de 2019

A erosión dos solos é unha secuela directa das alteracións climáticas
A erosión dos solos é unha secuela directa das alteracións climáticas
As alteracións no clima non teñen solución se non se producir unha profunda mudanza nos habitos alimentarios da Humanidade. O planeta está en serio perigo se se incrementan as emisións que producen o efecto invernadeiro. E o responsábel delas non é só a economía do petróleo. Sono tamén o desbaldimento dos alimentos e a forma en que comemos.

Entre 25% e 30% dos alimentos que producimos fican sen os consumirmos. Perdémolos por deficiencias no transporte ou por má xestión nos puntos de venda. Tamén botamos moita comida directamente ao lixo, por non planificarmos adecuadamente as nosas compras. Ese desbaldimento está na orixe de por volta 10% das emisións do efecto invernadeiro, responsábeis das alteracións climáticas e a elevación da temperatura media do planeta. Isto non é sustentábel se queremos garantir a viabilidade da vida na terra. Estes dados fan parte dun informe sobre as alteracións do clima e da terra realizado polo IPCC, un panel de expertas que asesoran a Nacións Unidas, un traballo que foi apresentado esta quinta feira en Xenebra.

A principal conclusión do informe é que o problema non está só no abuso dos combustíbeis fóseis por parte da industria, nomeadamente a do automóbil, senón tamén ten a ver coa forma en que os humanos producimos os alimentos e a dieta coa que nos mantemos vivos.

Botamos moita comida directamente ao lixo, por non planificarmos adecuadamente as nosas compras

Dito rapidamente: sen necesidade de virarmos persoas vexetarianas, si que é necesario darlle prioridade aos vexetais sobre a carne. Esta ten de ser exclusivamente aquela que se produce con baixo impacto sobre o meio natural. Algunhas fontes estiman que a gandería industrial é a fonte do 14,5% das emisións que desencadean o quecemento global. Os cereais, os legumes, as froitas e as verduras teñen que estar na base da pirámide alimentaria. En realidade, na teoría xa o están, a pouco que nos preocupemos por levarmos unha dieta sá. O asunto é, pois, pasar da teoría á práctica.

O informe alerta de a Humanidade non estar a facer ben os seus deberes nesta materia. Ao contrario, os maos hábitos alimentarios están a resultar en que moren no planeta por volta de 2.000 millóns de persoas obesas ou con sobre-peso. Case un terzo da poboación mundial.

A destrución de bosques —por exemplo, a desforestación do Amazonas— e as prácticas máis agresivas da agricultura intensiva deben cesar, advirte o informe do IPCC, sendo que xa se ten producido unha moi preocupante erosión dos solos, coa conseguinte redución da materia orgánica presente na terra.

Mentres non tomemos a serio as recomendacións deste panel de expertas, avísannos, as alteracións climáticas irán a máis. O resultado xa se está a ver, sequías, erosión do solo e diminución dos seus rendimentos, e desconxelamento dos polos. 

Nada disto é irreversíbel, segundo o IPCC, mais é preciso mudar hábitos. Tamén á hora de comer.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/mudamos-forma-comer-planeta-perigo/20190808123947082931.html


© 2019 Sermos Galiza