Imprimir

Un clamor nas rúas de Compostela para defender a sanidade pública

Redacción | 10 de Xaneiro de 2019

Foto: CIG
Foto: CIG

A reivindicación de máis persoal e medios para Urxencias do CHUS reúne miles de persoas nunha manifestación na capital galega na que se denunciaron os efectos dos recortes destes anos na sanidade.

Segundo clamor en defensa da sanidade pública en Galiza en apenas dúas semanas. O pasado 27 de decembro en Vigo e este 9 de xaneiro en Compostela. A primeira, convocada polos xefes de centros dimisionarios da área sanitaria viguesa. A da capital galega, polo persoal de Urxencias do CHUS, que leva 9 semanas de greve indefinida. Son os propios profesionais da sanidade pública os que deciden convocar á cidadanía a se manifestar, conscientes do deterioro e precarización sanitaria sufrida nestes anos e que tan ben coñecen ao estar en primeira liña. “Todos estes anos de recortes e deterioro da sanidade pública estoupan agora”, sinalaba en conversa con Sermos Galiza Camilo Agulleiro, presidente da comisión de centro do CHUS compostelán.

 

Máis de 2.500 persoas, segundo os datos da Policía Local, secundaron a manifestación, convocada “por unhas urxencias dignas”, para demandar máis persoal e medios para este servizo. Mais a mobilización, que partiu da Praza Roxa e culminou nunha ateigada Praterías, foi un clamor na defensa da sanidade pública e de denuncia das consecuencias de anos de recortes. Alí estaban tamén as reivindicacións de Atención Primaria, do persoal dos PACs, do  da central de chamadas do servizo de emerxencias 061, xestionado polo Grupo Norte e que xa anunciaron que volverán a greve o vindeiro día 21 de xaneiro… E centos de persoas, usuarias da sanidade pública, que apoiaban todas esas demandas.

 

Esta non é unha loita por un aumento de salario senón pola dotación de persoal para prestar unha asistencia máis digna aos usuarios”, sinala Agulleiro, incidindo en que “hai profesionais que levan moito tempo sufrindo acumulación de traballo e as consecuencias dos recortes”.

 

Entre as persoas manifestantes, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; así como o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero; a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; e varios membros de En Marea, entre eles o seu portavoz de Sanidade no Parlamento galego, Eva Solla.

 

O atleta internacional, Pedro Nimo, foi o encargado de dar leitura ao manifesto,  Para unha Sanidade digna.  “Non é unha folga para luxos, excepcións ou privilexios”, dixo en refrencia á greve do persoal de Urxencias, senón unha folga para que tanto o persoal sanitario como o de xestión de servizos “poidan exercer o seu traballo dunha forma digna e segura, de xeito que poidan ofrecer un servizo con garantías e un trato a nivel humano e profesional con toda a ética e garantías necesarias”. Por todo iso amosou a súa “gratitude e apoio” a todas as persoas que a diario traballan neste servizo e que, “aínda nestas circunstancias, amosan a súa mellor versión tanto a nivel humano como profesional”.

 

Nimo concluíu asegurando que “non se poden abrir hospitais, centos de saúde ou PACs se non temos o persoal suficiente co que dotalos” e reiterou o seu apoio porque o que piden é “o mínimo necesario para estar ao servizo dos demais con garantías”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/multitude-nas-ruas-compostela-defender-sanidade-publica/20190110100950075130.html


© 2019 Sermos Galiza