Imprimir

A música como encontro: Martirio e os alalás

Redacción | 31 de xaneiro de 2019

As integrantes de Enredadas: de pé, de esquerda a dereita, Martirio, Carmen París e Uxía. Sentada, Ugia Pedreira. Foto: cedida.
As integrantes de Enredadas: de pé, de esquerda a dereita, Martirio, Carmen París e Uxía. Sentada, Ugia Pedreira. Foto: cedida.

“Promover, fomentar e difundir a arte como encontro”. Velaquí o obxectivo expreso de Enredadas, o espectáculo de coplas e alás que ofrecerán o 9 de marzo en Compostela Martirio, Uxía, Carmen París e Ugia Pedreira.

“Atrevemento, solidez e humor” son as características coas que as artistas, segundo a nota difundida por Compostela Cultural, “enfrontaron o reto”. Que consistiu en achegar xéneros e estilos aparentemente distanciados: coplas, jotas, jazz, alalás. “Diríase que son almas xemelgas de universos culturais diferentes, o que fará que o espectáculo sexa unha festa de música de raíz e da irmandade”, engade o texto.

 

Ademais das catro cantantes -no caso de París, tamén pianista-, os guitarristas Marcos Teira e Sérgio Tannus participarán nun concerto en que haberá “lixeireza non exenta de ambición, jondura ou beleza”. As galegas e a andaluza intepretarán os seus propios repertorios e cantarán xuntas.

 

Uxía, Carmen París, Ugia Pedreira e Martirio comparten propósitos renovadores nos seus respectivos mundos musicais. Así o define a nota da organización do concerto: “Reconversión da canción popular española e a copla, do canto telúrico galego, da jota con aires tropicais”.

 

“O espectáculo amosaranos catro mulleres que souberon depurarse, reinventarse a si mesmas para ofrecerse reais e verosímeis”, conclúe o texto promocional.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/musica-encontro-martirio-alalas/20190129133812075554.html


© 2019 Sermos Galiza