Imprimir

O naval de Ferrol lanza un ultimátum: ''acabou o tempo''

X.M.P. | 19 de novembro de 2013

Máis de 2.000 operarios mobilízanse en Ferrol, cortando o tráfico na AP9 con barricadas de neumáticos ardendo. A perda dos gaseiros engádese á carraxe pola non chegada dos floteis de Feijóo. Non hai carga de traballo. O voceiro do comité de empresa de Navantia advirte: “Acabouse o tempo”. E a paciencia.

A perda dos catro buques gaseiros para Repsol e Gas Natural aos que optaba Navantia (e que serán construídos por estaleiros asiáticos) é a pinga que reborda o vaso, xa de por si cheo, da paciencia do naval. Máis de dous mil operarios de Navantia e auxiliares saíron á rúa esta terza feira. Ás demandas xa tradicionais das protestas destes meses, como a de carga de traballo ou maior implicación das autoridades co sector, uniuse a carraxe polas “mentiras” e a “incompetencia”. Os traballadores cortaron o tráfico na AP9 dirección Ferrol con barricadas de neumáticos incendiados.

Nos últimos dous anos destruíronse por volta de 2.500 empregos no naval de Ferrol. “Inasumíbel para o sector, para a cidade e para o país”.

“Este goberno, ímolo tumbar”, foi unha das palabras de orde da mobilización, así como "sen gaseiros e sen dique a comarca vai a pique". Unha manifestación presidida por grandes 'monigotes' que representaban o presidente da Sepi, da Xunta, de Navantia e o alcalde de Ferrol. Todos eles cunha lenda: “culpabeis”.

“Mentiras, mentiras, mentiras”

Ignacio Naveiras, do comité de empresa de Navantia, manifestou de xeito taxativo: “Non hai máis tempo, non hai escusas. Imos dar a resposta que merecen estes senvergoñas políticos que só representan o PP”. Os traballadores reclaman que se cumpran as promesas feitas ao naval: dique flotante e floteis. “Mentiras, mentiras, mentiras”, lamentan os operarios.

Tan pronto finalice a construción en Navantia do buque para armada australiana (que estará listo en decembro), as gradas ficarán baleiras. “Non hai contratos previstos”, afirman. E iso ten unha consecuencia: efectos nada positivos para os 2.400 traballadores do cadro de persoal principal e para os perto de 1.000 das auxiliares.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/economia/naval-estoupa-imos-dar-resposta-merecen-estes-senvergonzas-do-pp/20131119123140021431.html


© 2019 Sermos Galiza