Imprimir

O naval ferrolán máis unha vez sae á rúa para reclamar carga de traballo

Redacción | 07 de novembro de 2019

naval
naval

Piden a construción dun buque para a Armada Española (como reclamou o Parlamento) para ter ocupación até empezar as fragatas F-110

Máis de 3.000 traballadores e traballadoras, entre persoal da empresa Navantia e das compañías auxiliares, manifestáronse esta quinta feira polas rúas de Ferrol para demandar carga de traballo.

A marcha partiu desde a porta principal de estaleiro, decorreu polas avenidas Taxonera, Esteiro e Vigo, con parada ante o edificio administrativo da Xunta.

"Reclamamos carga de traballo, ocupación até o ano 2022, xa que o proxecto das fragatas F-110 foise atrasando, fundamentalmente por motivos políticos, e a día de hoxe a comarca de Ferrol vai sufrir un incremento da taxa de paro que nos vai a levar ás porcentaxes de hai tres ou catro anos, que roldaban o 30%", expuxo o portavoz do comité de empresa Miguel Pol.

Explicou que "sinxelamente" non vai haber "ningún barco até o ano 2022 e todos os profesionais que están nesta factoría", en alusión aos das auxiliares, "irán para a rúa".

O comité de empresa trasladou que a súa petición se centra "na construción dun buque que teña a enxeñaría xa consolidada e que non haxa que facela, para poder iniciar o corte de chapa nuns meses".

Isto, advirte, "evitaría non os desempregos que xa hai, con perto de 500 traballadores despedidos, pero si lograría a súa volta ao traballo en poucos meses".

Ao seu xuízo, "podería ser un buque do tipo AOR como o que se está facendo", en alusión ás naves que se fabrican para a Armada de Australia, "ou algún tipo de buque no que o deseño estea consolidado".

O Parlamento galego aprobou unha iniciativa do PP que contou co apoio de Común dá Esquerda, BNG e grupo mixto (e a abstención do PSOE) para que o Goberno central "dote Navantia-Ferrol de carga de traballo a través da construción dun novo buque loxístico (AOR) como o que está a ultimar para a Armada australiana".

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/traballo/naval-ferrola-mais-vez-sae-rua-reclamar-carga-traballo/20191107135346086469.html


© 2019 Sermos Galiza