Imprimir

Néstor Rego, Maite Ferreiro, Iago Tabarés e Carme da Silva, cabezas de lista BNG ao Congreso

Redacción | 09 de Marzo de 2019

[Imaxe: BNG] Ana Pontón, durante a rolda de imprensa
[Imaxe: BNG] Ana Pontón, durante a rolda de imprensa

[ACTUALIZADA ÁS 15.18 HORAS] O Consello Nacional do BNG aprobou na mañá deste sábado as candidaturas coas que a forza nacionalista se presenta ás eleccións xerais do 28 de abril. Unhas listas encabezadas por Néstor Rego na Coruña; Maite Ferreiro en Lugo; Iago Tabarés en Ourense; e Carme da Silva en Pontevedra, todas elas con experiencia no ámbito institucional.

O BNG tira de experiencia para recuperar voz nas Cortes Xerais do Estado. O Consello Nacional do Bloque aprobou na mañá deste sábado as candidaturas ás eleccións xerais do 28 de abril, encabezadas por Néstor Rego –portavoz dos "19 de Meirás" imputadas e imputados por denunciar o franquismo; tenente de alcalde e concelleiro de Cultura en Compostela de 2003 a 2008 e profesor no IES Antón Fraguas da mesma cidade– na Coruña; por Maite Ferreiro –concelleira do BNG en Lugo–; por Iago Tabarés –ex deputado do BNG no Parlamento galego que desenvolve a súa actividade profesional como avogado– en Ourense e por Carme da Silva –tenente de alcalde do BNG en Pontevedra e ex deputada do Bloque no Parlamento galego–.

 

Entre os candidatos e candidatas que forman parte das candidaturas do BNG ao Congreso destaca a presenza do escritor Suso de Toro, quen o 18 de xaneiro deste ano anunciaba a súa alta como militante da forza nacionalista. Activista en defensa dos dereitos das nacións sen Estado, o autor de Polaroid é o número 8 pola Coruña. Tamén do caricaturista e humorista gráfico Xosé Lois "O Carrabouxo" como candidato ao Senado por Ourense; do ilustrador e director de A viñeta de Schödinger Kiko Da Silva como número 4 ao Congreso por Pontevedra; do ex portavoz nacional e ex deputado do BNG nas Cortes Xerais Guillerme Vázquez, como número 7 por Pontevedra; da ex parlamentar e voz de Fuxan os Ventos Tareixa Novo Arroxo e da profesora Laura Tato como candidatas ao Senado pola Coruña ou do ex alcalde de Allariz Francisco García como número 3 por Ourense.

 

Completan a candidatura do BNG ao Congreso pola Coruña María Xosé Bravo, orientadora no IES Zalaeta da Coruña, ex concelleira de Cultura entre 2005 e 2011 na mesma cidade e presidenta da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda; Ramón Fernández Alfonzo; Silvia Pardo Galdo; Miguel Pernas Cora; Maruxa Martínez Romaní e Ana Lestón Gallardo.

 

Por Pontevedra seguen a Da Silva Xesús López Carreira; Susana Camba Castro; o ilustrador Kiko Da Silva; Olalla Obelleiro; María Xosé Cacabelos e Guillerme Vázquez.

 

En Ourense acompaña Tabarés Samanta Barreira Vivian; Rita María Iago Ozores e o ex alcalde de Allariz Francisco García. En Lugo completan a listaxe Iaan Pouliquen; Concepción García Iglesias e Daniel Castro García.

 

En canto ao Senado, o Bloque presenta pola Coruña Tareixa Novo Arroxo, Laura Tato Fontaíña e o ex alcade de Boiro Xosé Deira; por Lugo Pilar Prieto Pita, o ex parlamentar Cosme Pombo e Cecilia Diéguez Fociños; por Ourense Gloria Viana Ribeira e Xosé Lois “O Carrabouxo”; por Pontevedra André Vidal Capón, Cecilia Pérez Orxe e Segundo González.

 

Con estas candidaturas o BNG tratará de recuperar a súa presenza no Congreso dos Deputados “sen ataduras nin dependencias”, co fin de defender os dereitos sociais e nacionais de Galiza.

 

"Persoas que suman e miran cara ao futuro"

 

En rolda de prensa, Ana Pontón, portavoz nacional do Bloque, explicou que as candidaturas “están conformadas por persoas que suman e miran cara ao futuro”. “Nun  escenario sen maiorías absolutas, un, dous ou tres deputados e deputadas do BNG son máis útiles para Galiza que 23 ao servizo de Sánchez, Casado ou Iglesias”, engadiu.

 

“Este é o momento de Galiza, pero tamén é o momento de non deixarse levar pola estratexia do medo que só quere que nada cambie”, alertou Pontón, que sinalou que o lobo “xa está entre nós”. “É Feixoo e ese PP antigalego, antisocial, antiigualdade, antimemoria histórica, e contrario aos  avances sociais para corrixir as desigualdades e  construír unha Galiza con máis capacidade e sobre todo, sen  depender de ninguén”, afirmou.

 

O dilema, salientou,  non está  “entre o facherío militante e os que non quixeron derrogar a Lei Mordaza, a reforma laboral do PP e tampouco quixeron acabar coa agravio a Galiza nos orzamentos do Estado”. “O dilema é se queremos cambiar o rumbo para que Galiza conte ou seguir nesta inercia que nos precariza e nos fai ser cada vez menos”, concluíu a nacionalista.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/nestor-rego-iago-tabares-maite-ferreiro-carme-da-silva-cabezas-lista-bng-xerais/20190309115140076910.html


© 2019 Sermos Galiza