Imprimir

“Ni en dios ni en reyes ni en tribunos". Carta aberta a Yolanda Díaz

Marta Seoane Encinas | 12 de agosto de 2019

Levo moitos anos en IU de Galicia, antes no PCG, polo que coñezo a túa traxectoria política e os bos ascendentes que te preceden. Máis coñezo a túa evolución persoal, xa que vivín de cerca o preto co que te relacionabas cos militantes de EU cando organicamente participaban na valoración das posicións políticas dominantes que ti defendías.

Sei que participaches na construción de “En Marea”, máis dun xeito diletante, non crías no que se defendía, pois aínda que moitos crean que se apostaba por un esquerdismo radical, o único polo que se caracterizaba ese movemento era pola súa frescura e inocencia, é dicir, facer bandeira dunhas formas novas tales como as eleccións primarias, que non deixan de ser vellas para os que sempre militamos en organizacións de clase. En lugar de crear organización con xenerosidade, transmitindo experiencia, mellorando formas organizativas, humanizando as relacións entre os militantes, adscritos ou preinscritos ou como se lles queira chamar, cando alguén tomaba unha iniciativa facíaselle o baleiro. Cando se quixo concretar algo que supuxese organización e toma de decisións, buscáronse todo tipo de escusas “informáticas” para non validar o proceso.

Non interesaba un proceso participativo e decisorio, o que levou á quebra de En Marea, decidíndose por enriba cómo e cándo se facían as cousas. Así colaboraches en construír a unidade da esquerda. Iso si, asegurácheste un posto de saída nas últimas eleccións xerais.

Sen embargo os militantes de IU/EU non puidemos elixir, pois non sabemos cómo os cabezas de lista en cada provincia eran doutra organización, xa que non podemos chegar ata aí. Non creo que me equivoque, cociñouse nas alturas, de aí o teu cambio de circunscripción… así como o sometimento a non se sabe qué principios políticos ou organizativos, pero si persoais.

Non sei o que facedes no Parlamento, xa que nin abrides a boca para denunciar nada, soamente esperades participar en cargos, como é o teu caso segundo os bulos, lendas urbanas ou como queiras chamarlle, pois nunca te molestaches en denuncialos.

Cando o portavoz da nosa organización (¿segues en IU?) manifesta a súa opinión sobre o problema da investidura, ti posiciónaste claramente no sentido oposto, pero como se ven frustradas as túas aspiracións agora pretendes voltar a ser algo en Galicia, cando por ela non fixeches nada. Perdón, fuches a primeira deputada en falar das necesidades do noso país, pero non debemos esquecer que na anterior lexislatura non se lle permitiu falar a quen te precedeu e por iso dimitiu.

É público e notorio que a túa obediencia non é a IU, non podo afirmar que sexa a outra só sei que a IU non é. Por iso quero ratificar o dito por Eva Solla: “Nós escollemos os nosos candidatos”, e no teu caso quero manifestar que “non es a miña candidata”, que se che pasou o arroz… que te equivocaches de partido e rompiches coa túa boa tradición.

Defenderei sempre a unidade da esquerda, aceptando cantas formas organizativas, posicións ou criterios diferentes aparezan na esquerda, pero tendo regras de xogo onde todos sexamos iguais, se alguén quere destacar entón reivindico o “primus inter pares”, aínda que só sexa pola nosa historia.

Chegamos a un punto no que se manifesta o fracaso de quén quixo capitalizar o 15M. Fracaso previsto para quen lese artigo “La revolución no será transmitida en directo” de Thomas Jeffrey Miley, que te aconsello leas. Tanto quixestes dirixir que esquecestes o principal: as organizacións. E xa sabes: “Las ideas no viven sin organización”, ¿sóache?.

Non quero rematar esta carta sen desexarche o mellor na vida, pero tamén recordarche o inicio desta: “Ni en Dios, ni en Reyes, ni en Tribunos”, e ti non serás a nosa “tribuno”.

Nin eu o Pitufo de ninguén, e orgullosa da miña mochila.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cartas-do-lectorado/ni-dios-ni-reyes-ni-tribunos-carta-aberta-yolanda-diaz/20190812211550083055.html


© 2019 Sermos Galiza