Imprimir

Nin bar nin var

Denís Poupariña | Escribano en Lugoslavia e accionista minoritarísimo do Lugo con moita voz e pouco voto.

Sermos Galiza | 31 de xaneiro de 2019

O campo do CD Lugo non se caracteriza por ser unha caldeira. Os 3.000 de sempre non acostuman a levantar a voz. Tan só perden a cabeza por unha razón: as arbitraxes. Ás veces, o mellor que lle pode pasar ó conxunto albivermello é que lle toque un colexiado con ansia de protagonismo. Porque se hai algo que non se atura á beira do Miño é un barallocas con chifro. Outrora a banda sonora era máis animada. A razón estaba nunha barra. Non brava, como en Arxentina, senón na que había en cada unha das bancadas e nas que se dispensaba cervexa “da de verdade”. Así era como a vendían os que traballaban na cantina mentres chiscaban un ollo e sinalaban o logo dos tiradores, que, por suposto, tiña un inmaculado 0,0 que só se correspondía co marcador inicial. 


É políticamente incorrecto dicir que os pulmóns se enchían con máis forza cun pouco de zume de cebada, pero é vox pópuli. Isto nunca desembocou en violencia. De feito, a sanción que máis se lembra dende que Tebas impuxo a súa lei de Talión sucedeu cando o estadio lle atribuíu ó unísono unha dobre profesión a Fran Sandaza, ex xogador albivemello que insinuara que o CD Lugo se vendera para frustrarlle ó Girona un ascenso. Con forza díxoselle que era un ‘paiaso’, algo que a Liga entendeu como unha apoloxía ó odio máis directo. Como o que enfatizan algunhas bandeiras ou estandartes que semana si e semana tamén aparecen en certas bancadas.

 

Se hai algo que non se atura á beira do Miño é un barallocas con chifro 


Lembra algún que non foi un lanzamento de obxectos ó campo o que fixo sospeitar sobre o afán dos lugueses pola sen alcohol. Non, o que caeu ó verde nun partido foi unha grea de persoas disfrazadas de xogadores de futbolín. Era Antroido, tampouco pensedes que temos tanto afán exhibicionista. Non se sabe se o equipo viña preparado de antes ou se foron os grolos de dentro os que precipitaron a caída. Sexa como for, tardaron tanto en retornar ás suas localidades que saíron en todas as TV. Semanas despois cortouse a billa. Esa barra con apócema máxica facía que todos os partidos fosen ás 21:00 da noite dun sábado. Agora os horarios inflúen demasiado. Se o xogo permite facer unha sobremesa longa, nivel Maracaná. Se é un domingo cedo, cheiro a tabaco e gorxas apagadas. Nivel a porta pechada. Se é preto do xantar, nivel Mestalla. Mala hostia por ter que comer ás presas. 


Agora xa non hai bar. Non se lle pode dar esa denominación a un posto que máis ben parece un economato pola relación satisfacción/prezo dos seus produtos. Tampouco hai VAR, pero a este si se lle espera, e, con bastante ansia. A videoarbitraxe, xa implementada en Primeira, non está a ser unha fórmula perfecta. Pero polo menos, se hai erros por parte dos colexiados, quedan expostos nas repeticións que se fan das accións comprometidas. Malia as evidencias de esta tecnoloxía, algún segue coa teima de non falar das arbitraxes por se iso impide que se fale de fútbol. Unha póla máis do politicamente correcto. Outra cousa non, pero a afección do CD Lugo é crítica até o milímetro cos seus xogadores. Moitas veces, incluso, por riba das súas posibilidades. Esa crítica que dirixe cara o dianteiro zalapastrán tamén a pode facer cara os últimos xuizos arbitrais recibidos. 


Sabemos, honestamente, que contra o club albivermello non hai ningunha caza de bruxas porque somos tan pequenos que non estamos no mapa. Mais somos igual de conscientes que a un equipo así é máis doado pitarlle. Porque non vai haber laio mediático nin presión. Fronte ó Málaga, o conxunto que adestra Alberto Monteagudo perdeu a oportunidade de puntuar nun templo como a Rosaleda logo de que Jack Harper evitase un tanto na liña despexándoo cos puños. Debeu correrse a voz de que é permitido xogar ó balonmán contra o CD Lugo, porque este pasado sábado, nun partido decisivo, o Rayo Majadahonda puxo o medo no corpo cun tanto anotado co cóbado. Para colmo, o seu autor, Aitor Ruibal, celebrouno bicándose as mans. Xa postos a facer unha falcatruada, facela redonda. Até hai uns anos sabíame poucos apelidos de árbitros, supoño que pola dificultade da súa onomástica, agora case me sei até os seus colexios. 


Desta volta, o erro foi perpetrado por Óliver de la Fuente Ramos, considerado como un dos nenos prodixio deste oficio con tan só 27 anos. Algún chegou a alcumalo coma o ‘Mozart da arbitraxe’ cando en accións así tira máis por Beethoven. Menos mal que o karma futbolístico, unha criatura sobrenatural, quixo darlle unha oportunidade ó conxunto lugués para rematar gañando 3-2 a un rival máis que directo. Tres puntos que valen máis que os do carné de conducir. Merecidos para un equipo que está en plena metamorfose cun mercado de inverno movido. 

 

Algún chegou a alcumalo coma o ‘Mozart da arbitraxe’ cando en accións así tira máis por Beethoven


Por agora, saíulle una nova articulación en forma de ‘9’ chamada Toni Martínez. Precisou media hora para anotar o seu primeiro gol coa camiseta do CD Lugo. Acompañáronlle no éxito outros coma un Muñiz triasistente, complementado, mentres durou a gasolina, con Lazo, autor do segundo. Nesta tempada tan atroz non vai haber un partido tranquilo. Cando algún xa pensaba no sábado noite, o conxunto madrileño empatou. Quen apareceu para deixar o triunfo na casa? Pois a divindade universal albivermella: Carlos Pita, quen ós seus marabillosos 34 anos sostén que a esperanza de vida dos galegos vai a máis e con ela a esperanza de vivir dos lugueses, malia a interferencia dos homes de negro, que ás veces traballan para a Troika, e outras para a RFEF. 


A videoarbitaxe non nos catapultará a Primeira, pero evitará interferencias doutros deportes. Seguirán quedando accións fóra da vista mais aguda, como quedan as licoreiras metidas no estadio dentro dos petos interiores dun chuvasqueiro. Se as ve, non pida repetición, pida un grolo, que seguro llo darán, e disimule, que o VAR chegará pero o bar non volverá. 

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/denis-pouparina/nin-bar-nin-var/20190131105622075606.html


© 2019 Sermos Galiza