Imprimir

Nin traza nin baraza [Henrique Harguindey]

HENRIQUE HARGUINDEY | 27 de abril de 2018

Ilustración do volume
Ilustración do volume "As moi ricas horas do duque de Berry (1411-1416)"

Pode que se siga a empregar a expresión non ten traza nin baraza, que o padre Sobreira documentaba na segunda metade do século XVIII. Unha locución que lembra decontadiño outras de estrutura bimembre que xa temos sinalado como non ten eira nin beira ou non ten xeito nin dereito. A que si seguimos a empregar é a locución básica sobre a que se creou a expresión rimada: non ten traza.

 

É moi frecuente o emprego desta construción tan distintiva do galego para afirmar algo con rotundidade. Por exemplo:

 

-Díxome que viría seguro. –Pois non che ten traza.

-Seica hoxe vai facer moi bo día. –Pois non ten traza ningunha.

 

Naturalmente o substantivo traza (‘aparencia, aspecto, indicio, etc.’) convive en galegoportugués con outro homónimo, formalmente igual mais de significado diferente: traza ‘couza, caruncho, rela, insecto que se alimenta de materias vexetais como a madeira e os tecidos’ (Nesa mesa entroulle a traza e derramoulla todiña ).

 

Vaiamos agora con baraza:

 

Esta palabra característica do galegoportugués que ten tamén a variante barazo é de orixe discutido entre os lingüistas; Joan Coromines pensa que pode ser de orixe celta. Como é sabido, o seu significado é o de ‘Corda delgada, tira de coiro, fita etc. con que se ata algunha cousa’ en definición do dicionario da Academia Galega.

 

Presente xa en escritos galegos redactados en latín medieval, baraça aparece nos cancioneiros en composicións de Pedro Amigo de Sevilha, João de Gaia ou João García de Guilhade. Neste último ten o sentido concreto de ‘cinta ou fita para adornar os vestidos femininos’.

 

De baraza proceden o verbo embaraçar, ‘impedir, estorbar, entorpecer’ que o lingüista Ramón Lourenzo documenta xa no século XV en portugués, e mais o substantivo embaraço (‘molestia, estorbo, dificultad’) e da nosa área lingüística pasan para o español, italiano, francés e mesmo inglés.

 

Só na península ibérica (galegoportugués, castelán, catalán) embarazar e embarazo teñen o sentido particular de ‘engravidar, preñar/empreñar’ e mais de ‘gravidez, preñez’.

 

E é o momento de lembrarmos a abundante iconografía medieval, imaxes e pinturas nas que as mulleres grávidas portan vestidos lixeiros cinguidos (mais non apertados) por unha baraza, cinta ou fita.

 

Necesitan liberdade de movementos e comodidade ante as dificultades que se derivan do seu estado.

 

Están em-barazadas, o que ven sendo o mesmo que en-cintas.

 

 

 

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/lingua/nin-traza-nin-baraza/20180427123502068295.html


© 2019 Sermos Galiza