Imprimir

"Alucino con que aínda haxa touradas, máis aínda aquí, na Galiza, onde non hai tradición"

X.M.P. | 09 de agosto de 2019

Baia Fernández vai ser quen lea este ano o manifesto do protesto antitouradas, unha mobilización que terá lugar este sábado a partir das 20 horas e con punto de saída na Praza da Peregrina (Pontevedra) baixo o lema 'Agora abolición'. Desenvolverase coincidindo cos touros, que desde 2015 -ano en que o PP deixou de gobernar na Deputación-, carecen da axuda pública.

Comunicadora, poeta, actriz, autora de teatro, terapeuta da risa, youtubeira... Baia Fernández (Cuntis, 1980) non comprende como se pode gozar co sufrimento alleo. Por iso, non dubidou en dicir si cando lle propuxeron que lese o manifesto este sábado na manifestación antitouradas.

Dubidaches moito cando che propuxeron ler o manifesto?

Con estas cousas eu son moi ‘facilona’. Cando me piden axuda para cuestións que eu considero xustas, digo si sen problemas.

Tes claro, logo, que a loita contra as touradas é unha causa xusta.

Alucino con que aínda pasen ese tipo de prácticas, máis aínda aquí, en Galiza, onde non hai tradición. Eu traballei moitos anos en Pontevedra e sigo indo moito, e falas con xente e non atopas que haxa unha especial atracción por esas cousas. Pode que nunha parte da sociedade si, pero creo que é máis como unha tradición das festas, ese “hai que ir ás peñas e entón tamén ir aos touros...”. Se os que van en peñas ás touradas tivesen que ir sos, seguro que non ían. Non hai afección.

Non teño outra pretensión ao facer os vídeos que dicir o que me peta en voz alta, e esa voz alta é internet

Cres que a fin das touradas está perto?

Creo que si. Unha cousa boa que teñen as redes sociais é que as mensaxes chegan a moita máis xente, tocas moitas persoas que normalmente non pensa nestas cousas. E ves que non hai moito aprezo polas touradas.

Pontevedra é o derradeiro reduto da Galiza onde fica esta práctica...

Non casa nada con ese modelo de cidade que se exporta, nin con esa realidade que hai de asociacións e organizacións animalistas na cidade. En Pontevedra hai unha sensibilidade cara ao mundo animal e logo atopas as touradas. Iso choca. Esta é unha cidade moi aberta, respectuosa, e que haxa touradas é algo que non cadra. A min dáme vergoña allea.

Es terapeuta da risa. Non é algo moi común...

Eu defínome como adestradora emocional e da risa (ri). Non se pode traballar o riso sen as emocións. O que eu fago é dar información e acompañar a xente para que descubra como teñen as emocións descolocadas, todas as temos, e axudar a colocalas. Traballo o riso sen humor, o risco como algo instintivo e que responde a moitos estímulos que non teñen a ver co humor. O riso é algo saudábel e que serve para estar mellor cun mesmo e cos demais. Traballar coas emocións é algo fabuloso e traballar co riso interior é algo moi potente.

Na túa faceta de ‘youtubeira’ tamén estás a ter éxito...

Desde que hai posibilidade de gravar, eu grávome. De pequena coas miñas irmáns en cintas, despois cos móbiles cos amigos... Ao que perdín a vergoña, xa o fixen por internet. Os meus vídeos nacen dun cabreo. Emprego a ironía para falar daquelas cousas que me molestar. Non teño outra pretensión ao facer os vídeos que dicir o que me peta en voz alta, e esa voz alta é internet.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/non-cadra-nunha-cidade-tan-aberta-como-pontevedra-haxa-touradas/20190808130952082933.html


© 2019 Sermos Galiza